Nova: A sala Ártika de Vigo ofrece ata finais de ano 29 espectáculos de todos os xéneros e para todos os públicos co apoio da Xunta

03/07/2025

A sala Ártika de Vigo ofrece ata finais de ano 29 espectáculos de todos os xéneros e para todos os públicos co apoio da Xunta

O espazo forma parte da Rede Galega de Salas e recibe 75.000 euros a través das subvencións para o funcionamento de salas privadas de artes escénicas

A programación para o último cuadrimestre de 2025 inclúe 47 representacións de danza, teatro, improvisación, narración oral e música

Vacaburra estreará os días 11 e 12 de outubro a súa peza ‘Familia Nijnska’ e a residente Ártika Cía., ‘O libro da selva, o musical’ os días 25 e 16 de outubro, producido cunha axuda á creación escénica de preto de 42.000 euros

No Nadal terá lugar o XI Festival Pequeártiko, con nove propostas especialmente dirixidos á infancia

Vigo, 3 de xullo de 2025

A Sala Ártika de Vigo presentou hoxe a programación para o último cuadrimestre deste ano, que volve contar co apoio da Xunta de Galicia a través da convocatoria anual de subvencións a salas de artes escénicas de xestión privada e capacidade máxima de 150 localidades. Neste 2025, o espazo da avenida de Beiramar recibe unha achega de 75.000 euros, formando parte así, xunto con outros tres escenarios, da Rede Galega de Salas que promove e impulsa a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ademais de contar cunha axuda de preto de 42.000 euros á produción de O libro da selva, o musical, último espectáculo da súa compañía residente.

Co obxectivo de garantir a estabilidade dunha programación de carácter profesional por parte deste tipo de locais, o Goberno galego incrementou este ano a dotación destas axudas ata os 215.000 euros –un 7,5% máis que en 2024–. Así o concretou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen acompañou a Marcos Alonso, socio fundador da sala, no acto de presentación.

Sutil tamén lembrou que o espazo é un dos catro subvencionados xunto ao tamén vigués Teatro Ensalle e os coruñeses Teatro del Andamio e Sala Gurugú, e que todos eles obtiveron por sétimo ano consecutivo estas axudas, que se destinan a importes vinculados á contratación de espectáculos, servizos técnicos e auxiliares asociados, dereitos de autor, contratación de persoal, comunicación e publicidade, ademais de ata o 20% dos custos indirectos como alugueiros, subministracións ou gastos correntes.

En referencia á nova programación da Sala Ártika, o responsable de Industrias Culturais destacou a capacidade de xestión dos seus titulares por deseñar e pechar con tanta antelación unha completa carteleira con opcións para todos os públicos, “polo que a sala xa figura, por méritos propios, nun lugar destacada na oferta de ocio cultural da cidade”. 

Aposta polo teatro afeccionado e alternativo

De setembro a decembro de 2025, a programación da Sala Ártika trae 29 compañías que ofrecerán 47 funcións de espectáculos de artes escénicas, dirixidos tanto a público adulto como familiar. A temporada teatral dará comezo co festival de teatro amador Fegateatro, organizado pola compañía Fauna 113 e no que participarán catro compañías afeccionadas galegas. A última fin de semana de setembro e a primeira de outubro, o XXIII Circuíto de Creación Escénica Contemporánea organizado pola Red de Teatros Alternativos volve facer parada en Galicia con Ártika como único espazo destinatario. Nesta ocasión, o público poderá gozar coa peza Silver Drops da compañía catalana Silver drops dansa e a obra de teatro Contención Mecánica da madrileña Teatro de los invisibles.

Do 17 de outubro ao 16 de novembro terá lugar o VI Festival Comediártiko, no que destaca a presenza das compañías galegas Producións Teatrais Excéntricas e A Panadaría. Así, o festival arrancará con esta última compañía e o espectáculo As que limpan, que se despide dos escenarios con tres datas en Vigo (días 17, 18 e 19 de outubro). O 25 e 26 dese mes, Ártika Cía., estrea a súa nova montaxe para público familiar: O libro da selva, o musical. Producións Teatrais Excéntricas estará o venres 31 de outubro co monólogo Quico Cadaval conta... Notas de Rodapé. 30 anos a contar historias, e o 1 e o 2 de novembro, co novo espectáculo de Mofa e Befa Os dous de sempre. O regreso. De fóra de Galicia chegan Rumbo desconocido da compañía vasca Utopian (8 e 9 de novembro) e El gran manicomio da mallorquina Estudi Zero.

A carteleira complétase coas representacións de Épica Vulgaris de Improversados (19 de setembro e 20 de novembro), 4200 da compañía valenciana Inestable (20 e 21 de setembro), a estrea de Familia Nijinska, da compañía viguesa Vacaburra (11 e 12 de outubro), Alta Costura de Elefante Elegante (22 e 23 de novembro), Non pasarán de Ártika Cía (29 e 30 de novembro) e a peza musical El diario de Lucas, da valenciana Off (13 e 14 de decembro). Ademais, a Ártika consolida a programación estendida iniciada hai dous anos coas propostas Off. Este ano o grupo de improvisación Colectivo do Flow mostrará o seu novo espectáculo o 25 de outubro e Bea Campos, con Inventi Teatro, presentará a peza de narración oral Chegar e encher o 13 de decembro.

Compromiso cos novos públicos e tamén música

A carteleira segue deixando un espazo destacado para as propostas dirixidas á cativada, especialmente coa celebración do XI Festival Pequeártiko de Nadal, que traerá nove espectáculos de teatro familiar do 22 ao 31 de decembro: Contos do Lobicán de Redrum Teatro, ¿Cuántas estrellas puedes contar? de Títeres sin cabeza, O libro da selva, o musical de Ártika Cía., Pañuelos de Cía Tarambana, Moby Dick de Pedras de Cartón, Katia de Cat de Café de las Artes, Ñam Ñam de Bambalúa, Bipedestrucción de Disiden.cia e A historia do coelliño branco de Migallas Teatro con Bea Campos.

Ademais, seguindo co compromiso de crear novos públicos para as artes escénicas, a Sala Ártika pon en marcha unha iniciativa dirixida aos nenos e nenas, aos que lles entregarán un álbum que poderán ir completando cos adhesivos quere encontrarán en cada función e, cando o completen, recibirán como agasallo cinco entradas de balde.

E como novidade, este ano preséntase o ciclo de música Cámara Ártika, unha serie de concertos que nacen coa idea de mostrar as músicas de pequeno formato que se están a desenvolver no momento actual e que teñen como elemento común a investigación e a procura de sonoridades afastadas das correntes principais. Os recitais teñen lugar o primeiro venres de cada mes no ambigú do local cos concertos de Raposa, Dumka Quartet e Santiago Meijide.

As entradas para todas as funcións estarán dispoñibles a partir de hoxe na web de Sala Ártika.

Comparte