Nova: A Xunta apoia unha nova edición do certame de teatro ‘Festivalle’, que se suma á celebración do ‘Ano Castelao’

02/07/2025
A Xunta apoia unha nova edición do certame de teatro ‘Festivalle’, que se suma á celebración do ‘Ano Castelao’
Valentín García salienta a relación estreita do escritor de Rianxo con Valle-Inclán, de quen foi responsable da escenografía de Divinas Palabras
O festival desenvólvese no concello pontevedrés de Vilanova de Arousa, do 8 ao 11 de xullo, e abrangue representacións teatrais e a celebración dun curso de verán
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 2 de xullo de 2025
A Xunta volve apoiar unha nova edición do certame de teatro Festivalle, que se dedica en exclusiva a obra, figura e legado de Ramón María del Valle-Inclán e que, neste 2025, se suma á celebración do Ano Castelao “para difundir e dar a coñecer a estreita relación persoal e artística entre ambos”. Así o explicou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na presentación da programación, que se desenvolverá, do 8 ao 11 de xullo, na localidade pontevedresa de Vilanova de Arousa.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude considerou “totalmente atinada” a incorporación deste festival aos festexos que ao redor do intelectual galeguista está a desenvolver a Xunta, que declarou Ano Castelao este 2025, co gallo de cumprirse o 75 aniversario do seu pasamento. Nese senso, puxo en valor a amizade entre os dous autores e a defensa que o intelectual de Rianxo facía do galeguismo de Valle-Inclán, “de quen aseguraba que escribía en castelán o pensado en galego”, ademais lembrou que foi responsable da escenografía de Divinas palabras.
Os vencellos persoais e profesionais entre os autores de Luces de Bohemía e Sempre en Galiza estarán presentes no Curso de Verán, que este certame celebra paralelamente ás representacións teatrais. Así, nesta actividade inclúense os relatorio A recepción de Valle-Inclán polo galeguismo, a cargo de Jorge Carril, e Valle-Inclán e Castelao, a cargo do xornalista e crítico de arte Ramón Rozas.
A cuarta edición do Festivalle dará comezo coa representación de Los cuernos de Don Friolera a cargo da Teatro del Canal. Durante os días seguintes, a programación desenvolverase por diferentes espazos de Vilanova de Arousa, onde se poderá gozar de La Rosa de Papel, de Teatro Tribueñe, compañía que tamén escenificará El embrujado. O peche do festival será para conmemorar o centenario este ano da estrea de La cabeza del Bautista coa proxección dun documental audiovisual inédito.
Programación Ano Castelao
Ademais desta incorporación de Festivalle ao Ano Castelo, compre salientar que a peza central da programación é a exposición Castelao. Mirar por Galicia, que o Goberno galego inaugurou a pasada semana na Cidade da Cultura e na que se pode gozar dunha experiencia inmersiva única onde o intelectual galeguista volve á vida.
De igual xeito, ao abeiro desta celebración a Xunta renovou a cátedra de investigación e divulgación sobre a súa figura e dixitalizouse o Anteproxecto do estatuto de autonomía 1932-1936, no que Castelao xogou un papel fundamental. Así mesmo, en colaboración coa Fundación Castelao e a Editorial Galaxia, editaranse as dúas versións da emblemática peza teatral Os vellos non deben de namorarse. Desta forma, será a primeira vez que se realice a publicación simultánea dunha das obras máis populares da dramaturxia galega, estreada en Bos Aires en 1941.