Nova: A Xunta leva a Baiona un percorrido en imaxes do Camiño portugués a través da mirada dunha trintena de fotógrafos lusos e galegos

01/07/2025
A Xunta leva a Baiona un percorrido en imaxes do Camiño portugués a través da mirada dunha trintena de fotógrafos lusos e galegos
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude define a mostra ‘O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra’ como “un diálogo fotográfico entre o pasado e o presente” que “radiografía o legado” desta ruta xacobea
A exposición inclúe 65 instantáneas realizadas por autores de ambas beiras do Miño que retrataron entre o século XIX e XXI paisaxes, lugares e localidades por onde transita o itinerario que une O Porto con Santiago de Compostela
Con este proxecto, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude promove a circulación de mostras que se xestan no Gaiás por outros territorios para facer a cultura accesible a toda a poboación
Baiona, 1 de xullo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe no Multiusos Mercado Sabarís de Baiona a exposición O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, que reúne 65 imaxes dunha trintena de fotógrafos galegos e portugueses dos séculos XIX, XX e XXI. As instantáneas retratan a evolución histórica das realidades, das paisaxes e do patrimonio do itinerario xacobeo que transita entre a cidade do Porto e Santiago de Compostela e exhibiranse en Sabarís ata o vindeiro 29 de xullo.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou durante a inauguración da mostra que o discurso expositivo “tece un diálogo fotográfico” entre o pasado e o presente para establecer unha “radiografía do legado” que nos deixou o Camiño Portugués. O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia —que estivo acompañado polo alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, a directora xerente da Cidade da Cultura de Galicia, e a comisaria da mostra, Lucía Laín— convidou o público a “enriquecer a mirada” grazas a un proxecto que retrata os “estreitos vencellos culturais, sociais e emocionais” que unen Galicia con Portugal.
Coa chegada a Baiona de O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa a promover a circulación por outros puntos da xeografía galega de mostras que agromaron primeiramente na Cidade da Cultura de Galicia coa meta de facer a cultura accesible a toda a poboación. Esta exposición abriu no Museo Centro Gaiás no outono de 2021 para despois viaxar ao Museo do Mar en Vigo no verán de 2022 e recalar en Tui a finais dese mesmo ano.
Este proxecto itinerante e fotográfico contou cun segundo volume, A Vía da Prata. Aires do sur, tamén comisariado por Laín e que viaxou tras a súa apertura no Gaiás por Ourense, Cáceres e Madrid, conformando así unha serie expositiva que se interna nas rutas xacobeas a través da ollada fotográfica. Este díptico expositivo atraeu máis de 50.000 visitas.
Históricos e contemporáneos
O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra ofrece unha coidada selección de 65 fotografías, tanto históricas como contemporáneas, dunha trintena de fotógrafos consagrados e tamén emerxentes, ofrecéndonos a un tempo unha visión histórica xunto a unha actual dos lugares polos que transita este itinerario xacobeo.
Baiona conta cun protagonismo especial nesta exposición, sobre todo pola radiografía emocional que realizou polas súas rúas e recantos o fotógrafo xermano Otto Wunderlich (Stturgart, 1886-Madrid 1975). Este autor alemán, que percorreu España especialmente nas décadas dos vinte e mais dos trinta do pasado século, ficou impresionado pola baía de Baiona e pola súa natureza marítima, así como pola forma de vivir das súas xentes, a quen retratou no seu periplo pola alma da localidade.
As imaxes de Otto Wunderlich da baía de Baiona, dos seus tradicionais soportais e da tradición pesqueira retratan un municipio que, malia a súa plena transformación ao longo das décadas, conserva inmutable a súa íntima vinculación co espírito mariñeiro e co fenómeno das peregrinacións a Compostela.
Ademais de Wunderlich, O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra inclúe imaxes de estudios e artistas que souberon captar dende o século XIX a idiosincrasia a ambos lados do Miño. É o caso de nomes tan coñecidos como Alberto Marçal Brandão, Artur Pastor, Charles Alberty (LOTY), Nicolás Muller, Jaime Pacheco ou José Suárez. As súas obras conviven nesta mostra con autores contemporáneos como Carla Andrade, Carmenchu Alemán, Tono Arias, Miguel Muñiz ou Nicolás Combarro.