Nova: O Consello da Xunta aproba a declaración da Rapa das Bestas de sabucedo como Ben de Interese Cultural

30/06/2025
O Consello da Xunta aproba a declaración da Rapa das Bestas de sabucedo como Ben de Interese Cultural
- Concédeselle este recoñecemento na categoría de patrimonio inmaterial polo seu “valor cultural sobranceiro” que se mantén desde hai máis de tres séculos
- A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude culmina así o procedemento iniciado en 2024 para unha “manifestación extraordinaria” nos eidos da cultura e o turismo
- A celebración deste ano, do 4 ao 7 de xullo, suporá a primeira co máximo nivel de protección
O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto que declara Ben de Interese Cultural a Rapa das Bestas de Sabucedo por considerar acreditado o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, ao tratarse dunha das festas máis antigas de Galicia que conta, como mínimo, con tres séculos de historia. Este recoñecemento supón a aplicación de inmediato do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección.
Esta declaración, que se suma á de Festa de Interese Turístico Internacional acadada en 2007, chega tras completarse o expediente administrativo, no que constan os dous informes preceptivos dos órganos consultivos favorables a que a manifestación inmaterial sexa declarada Ben de Interese Cultural ao posuír un valor cultural sobranceiro dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, cómpre salientar que no proceso de exposición pública non se rexistrou ningunha alegación contra este recoñecemento.
Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude culmina a tramitación iniciada en 2024 para darlle esta distinción a unha celebración “extraordinaria, admirada por propios e foráneos, do noso patrimonio cultural e turístico”, que se celebra do 4 ao 7 de xullo na parroquia pontevedresa de Sabucedo, no concello da Estrada. Trátase da manifestación inmaterial máis clara que existe en Galicia da relación ancestral entre uns animais, neste caso cabalos, e o seres humanos, como xa se reflicte nos gravados rupestres que existen preto desta aldea.
A maiores, esta declaración procura tamén ser un recoñecemento das tradicións e dos costumes do mundo rural herdados dos devanceiros, que foron transmitidos de xeración en xeración. Polo tanto, supón un reflexo da apropiación identitaria feita manifestación inmaterial pola veciñanza ao longo destes trescentos anos, “merecentes de que se conserven e sexan coñecidos”.
Precisamente, cómpre lembrar que a Rapa das Bestas de Sabucedo, de catro días de duración que dan comezo o primeiro venres do mes de xullo, abrangue nesta denominación unha serie de rituais que se agrupan en tres fases: a misa alborada, a baixada dos cabalos salvaxes do monte e a rapa destes, tamén denominada curro.
O decreto recolle que a rapa dos animais supón a escenificación entre os denominados aloitadores e as bestas que require experiencia e valor, á vez que transmite unha espectacularidade que fai que, a día de hoxe, adquirise unha notoriedade que esperta interese e presenza nos medios de comunicación galegos, españois e internacionais, así como unha gran concorrencia nesta aldea, que non supera os 60 habitantes durante o resto do ano.
Con esta aprobación xa son 789 os Bens de Interese Cultural existentes en Galicia. Deles 116 foron declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, unha cifra que reflicte o importante compromiso do Goberno por protexer, conservar e pór en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade.
Medidas de salvagarda
O decreto aprobado hoxe polo Goberno galego tamén recolle a conveniencia de proceder ao rexistro e sistematización de documentos relacionados con este patrimonio para poder ter “unha comprensión máis eficaz e completa”, o tempo que se empraza a promover a súa difusión.
De igual xeito, estipula como recomendable que se incorporase o seu coñecemento ao ensino tanto forma como non formal. Ao respecto, apúntase que este traballo supón apoiar a transferencia de coñecementos, técnicas e significados para evitar a fosilización da manifestación.