Nova: O Centro Dramático Galego estrea mañá a montaxe para público familar ‘O carteiro de Ximaraos’ en coprodución cos Monicreques de Kukas

27/05/2025

O Centro Dramático Galego estrea mañá a montaxe para público familar ‘O carteiro de Ximaraos’ en coprodución cos Monicreques de Kukas

O Salón Teatro acolle esta semana tres representacións desta peza, creada polo equipo artístico gañador do Premio Xuventude Crea 2024 baixo a coordinación da unidade de produción teatral da Xunta

A montaxe leva a escena a obra de Carlos Labraña, galardoada na última edición do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Baixo a dirección de Susana Villaverde, que comparte dramaturxia com Ezequiel Rodríguez, a historia mestura realidade e fantasía para abordar o impacto emocional do alzhéimer nas familias e o papel da memoria ligada ao correo postal

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025

O Centro Dramático Galego e a compañía Os Monicreques de Kukas estrean mañá mércores 28 ás 18,00 h. no Salón Teatro de Santiago de Compostela a coprodución O carteiro de Ximaraos, peza teatral para público familiar baseada na obra de Carlos Labraña gañadora en 2024 do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.

O equipo artístico galardoado o ano pasado co Premio Xuventude Crea na modalidade de teatro é o responsable da posta en escena baixo a coordinación da compañía teatral da Xunta, con Susana Villaverde na dirección e compartindo a dramaturxia con Ezequiel Rodríguez.

Marcelino de Santiago “Kukas” e Isabel Rey interpretan esta historia cos seus bonecos, e son tamén responsables do deseño e e indumentaria dos monicreques xunto a Amelia Poyato, quen se encarga ademais da iluminación. A escenografía e os audiovisuais están concibidos por Maite Dubois. Xosé Lois Romero asina a composición musical e o espazo sonoro foi creado por Noemi Pardo, que colabora tamén nas voces gravadas.

Despois do pase de preestrea para escolares previsto para hoxe, a peza representarase no escenario do Salón Teatro durante tres días, do 28 ao 30 de maio, ás 18.00 horas. As localidades están á venda na plataforma en liña entradas.ataquilla.com e tamén se poderán adquirir no despacho de billetes do número 34 da rúa Nova compostelá desde as 16,30 h. 

Cartas como antídoto contra o esquecemento

O carteiro de Ximaraos presenta unha historia que mestura maxistralmente realidade e fantasía para abordar dúas temáticas de gran relevancia: o impacto emocional do mal de alzhéimer nas familias e o papel da memoria ligada ao correo postal como fío condutor das relacións humanas.

A obra céntrase na relación entre Xoán e o seu avó, antigo carteiro da vila de Ximaraos, que cada vez ten peor memoria. Xoán e mais a súa nai van vivir con el para coidalo e o neno comeza a achegarse ás lembranzas do repartidor de cartas, como a colección de postais penduradas da parede que o avó non lle deixa nin tocar. Co paso do tempo, o ancián cada vez recorda menos cousas, mais do seu maxín nacen diferentes historias que Xoán escoita abraiado, sen saber moi ben se son reais ou inventadas. Ademais, o avó está sempre coa teima de que hai que facer o repartimento das cartas. Xoán pensa que é outro conto máis, ata que atopa no faiado unha saca de correo chea de cartas sen entregar e aparece na súa vida a difícil misión de facer chegar todos aqueles sobres aos seus destinos despois de tanto tempo. A través desta conexión, o espectáculo reflexiona sobre como as historias, as memorias compartidas e os pequenos rituais familiares poden enfrontarse ao esquecemento.

Con este espectáculo, o Centro Dramático Galego continúa a impulsar e a participar en proxectos compartidos con empresas e profesionais do país, desta volta a través dunha proposta de teatro de obxectos na que se implica á mocidade e cunha das compañías máis senlleiras de Galicia neste ámbito, como son Os Monicreques de Kukas.

Comparte