Nova: A Xunta divulga o contido das súas exposicións sobre Picasso e a aviación en Galicia en dous volumes

22/05/2025

A Xunta divulga o contido das súas exposicións sobre Picasso e a aviación en Galicia en dous volumes

A primeira publicación inclúe máis de 150 documentos, fotografías, debuxos e expedientes, datados entre 1850 e 1920, que estiveron expostos no ano 2023 na cidade herculina e que recollen a historia da Escola de Belas Artes

A segunda percorre os inicios da aviación en España e Galicia coa documentación do fondo Francisco Iglesias Brage e pezas doutros arquivos que se amosaron en 2022 no centro que xestiona o Goberno galego

A Coruña, 22 de maio de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe no Arquivo do Reino de Galicia os catálogos A Escola de Belas Artes da Coruña e Picasso e Voar dende Galicia. O desenvolvemento das infraestruturas aeroportuarias en Galicia. Trátase de dous volumes cos que a Xunta de Galicia pretende divulgar o contido das dúas exposicións que estiveron expostas na entidade que xestiona o Goberno galego en 2023 e en 2022.

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a importancia de colaborar na divulgación da cultura a través de exposicións ou publicacións como estas. Ao abeiro deste compromiso do Goberno galego, fixo fincapé no valor destes textos á hora de coñecer o pasado destas institucións e afondar na súa historia. “Con estes volumes temos a oportunidade de coñecer en profundidade figuras tan destacadas como a de Pablo Picasso ou facer un percorrido polos inicios da aviación en Galicia”, resaltou.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo salientou o traballo dos profesionais do Arquivo do Reino de Galicia para levar a cabo tanto as mostras como os seus respectivos volumes. Así, gabou a recompilación que afonda nos primeiros 70 anos de traxectoria da entidade a través de 150 documentos, fotografías, debuxos e expedientes, datados entre 1850 e 1920, sobre a Escola de Belas Artes da Coruña. Deste xeito, incidiu en que esta escola foi o primeiro centro destas características na cidade e contou cun gran volume de estudantes, entre eles o pintor Pablo Ruíz Picasso, ou outros persoeiros destacados como Juan Aznar, Santiago Casares María Barbeito ou Luis Sellier, entre moitos outros.

Tanto o catálogo A Escola de Belas Artes da Coruña e Picasso, como a exposición recollen todos os textos, imaxes orixinais, láminas de debuxos realizadas polo alumnado, libros usados nas clases e reproducións de expedientes académicos dos estudantes, dos seus profesores ou mesmo de outros artistas recoñecidos que impartiron clase na escola como son Román Navarro, Abelenda ou Isidro Brocos. A documentación, que afonda na historia desta entidade, procede da Escola de Belas Artes Pablo Picasso, do Museo de Belas Artes, do Instituto Salvador de Madariaga, do Museu Picasso de Barcelona, do arquivo municipal da cidade da Coruña e do restaurador Jorge Medín Guyatt.

Pola súa banda, tal e como explicou o director xeral de Cultura, o volume Voar dende Galicia. O desenvolvemento das infraestruturas aeroportuarias en Galicia recolle toda a documentación que foi exposta en 2022 na entidade arquivística que xestiona a Xunta na cidade herculina. Este catálogo pon en contexto o comezo da aviación española na comunidade galega e relata a configuración dos seus aeroportos e aeródromos.

A través de imaxes e textos ponse de manifesto o impulso do trasporte aéreo, os deseños, a innovación e afóndase nos proxectos dos tres grandes aeroportos galegos. Ademais, recolle datos sobre pequenos aeródromos como o de Rozas, en Lugo, que é o único que sigue existindo actualmente, e tamén se recompilan as iniciativas que non se levaron acabo como, o aeroporto de Ferrol e o da Toxa. Os documentos corresponden na súa meirande parte ao fondo documental de Francisco Iglesias Brage conservado no Arquivo do Reino de Galicia con outras pezas chegadas do Arquivo Histórico Provincial de Lugo, do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra e do arquivo municipal da Coruña.

Comparte