Nova: López Campos enxalza o compromiso do audiovisual cos referentes históricos galegos como Castelao

21/05/2025

López Campos enxalza o compromiso do audiovisual cos referentes históricos galegos como Castelao

A Xunta colabora coa produción a través dunha das súas liñas de axudas, cunha achega de 280.000€

Ademais, encádrase nas accións impulsadas polo Goberno galego para celebrar este ano dedicado ao intelectual polo 75 aniversario do seu pasamento

O filme foi rodado hai uns meses en diversas localizacións de Galicia, como Pontevedra e Rianxo

A Coruña, 21 de maio de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director da Axencia Galega das Industrias Cuturais, Jacobo Sutil, asistiu hoxe na Coruña á preestrea de Antes de nós, unha película que conta cunha achega de 280.000€ da Xunta a través da súa liña de axudas á produción e que se encadra nas accións impulsadas polo Goberno galego para celebrar o Ano Castelao, xa que xira ao redor da figura do intelectual homenaxeado neste 2025 polo 75 aniversario do seu pasamento.

Neste senso, o responsable de Cultura do Executivo autonómico gabou este proxecto, dirixido por Ángeles Huerta e producido por Zenit TV, “porque mostra o seu compromiso coa posta en valor dun dos nosos referentes históricos a través dun filme que foi rodado en Galicia, nos lugares da súa vida e cun reparto de intérpretes galegos”. Así, destacou, “é para estar orgulloso que a fortaleza da que goza actualmente a nosa industria audiovisual, apoiada sempre desde a Administración, se poña a disposición tamén da difusión da nosa cultura e afonde nas figuras que forxaron a nosa identidade”, puntualizando que “ademais da súa traxectoria máis relevante, nos achega a outras facetas menos coñecidas de Castelao”.

López Campos lembrou que tivo a oportunidade de asistir hai uns meses á gravación en Pontevedra dalgunhas escenas da película, xunto coa súa produtora executiva, Zaza Ceballos, quen foi recoñecida o ano pasado cunha das Medallas de Ouro de Galicia. Nesta liña, resaltou “a implicación da produtora galega cos nosos persoeiros ilustres como fixo xa antes de Castelao con Juana de Vega, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán”.

Así mesmo, o representante da Xunta fixo fincapé no protagonismo do audiovisual na programación do Ano Castelao, sumando a esta produción a realización dos documentais Consello de Galiza, o goberno galego no exilio e Castelao. De chumbo a verba. Ademais, na Cidade da Cultura poderase gozar nas vindeiras semanas dunha experiencia inmersiva que permitirá interactuar cunha recreación virtual do escritor e facer un percorrido pola súa traxectoria.

Rodaxe en Galicia

A longametraxe céntrase en dous momentos pouco coñecidos, pero claves tanto na vida persoal de Castelao como na xestación da súa figura simbólica para Galicia. A partir do guión de Pepe Coira, nárrase o seu exercicio como médico en Rianxo durante a gran gripe de 1918 e a viaxe que realizou a Bretaña en 1929, acompañado pola súa muller, Virxinia Pereira, tras a perda do seu único fillo. Así, afóndase nas emocións e nas circunstancias vitais de Castelao antes de se converter no referente histórico que coñecemos na actualidade.

O filme rodouse nunha decena de concellos galegos. Ademais de Pontevedra e Rianxo, os lugares escollidos pola relevancia na vida do persoeiro localizáronse en Santiago de Compostela, Muros, Fisterra, Catoira, A Estrada, Silleda ou Negreira. Ademais, a película conta cun reparto de actores e actrices galegas, encabezado por Xoán Fórneas, no papel do intelectual rianxeiro, e Cris Iglesias, no da súa dona. Complétano Nancho Novo, Xoel Fernández, Miquel Insua, Sergio Zearreta, Isabel Vallejo ou Adrián Ríos.

Zenit TV produce Antes de nós con Retrincos AIE que, ademais do financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través das axudas á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, conta tamén coa participación da Televisión de Galicia.

Comparte