Nova: A Xunta homenaxea ás mulleres que mantiveron viva a poesía oral na mostra ‘Tesoureiras do noso’ con motivo das Letras Galegas

16/05/2025
A Xunta homenaxea ás mulleres que mantiveron viva a poesía oral na mostra ‘Tesoureiras do noso’ con motivo das Letras Galegas
A exposición dispoñible na Biblioteca de Galicia fai un percorrido pola historia das recollidas, desde o século XVIII ata a actualidade e poderá visitarse ata o mes de setembro
A parte bibliográfica compleméntase cunha mostra audiovisual onde poden verse documentais, actuacións e escoitar coplas nas voces de moitas destas mulleres
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, celebrou a decisión de recoñecer o papel das cantareiras “pola súa importancia para a nosa lingua e a nosa cultura”
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Biblioteca de Galicia Tesoureiras do noso, a mostra que, con motivo do Día das Letras Galegas, homenaxea a todas as mulleres que mantiveron viva a poesía oral tradicional.
No acto de apertura, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrou a decisión de homenaxear ás cantareiras xa que é “un merecido recoñecemento á nosa lingua e cultura popular”. Neste senso, engadiu que o papel das cantareiras “foi fundamental na construción da nosa identidade e no sentir da sociedade galega”
A exposición, que se pode visitar ata o mes de setembro, inclúe recortes de prensa, fotografías, comentarios de grandes recolledores de material como Dorothé Schubarth, coautora con Antón Santamarina do Cancioneiro Popular Galego ou a obra póstuma de Sarmiento, onde deixa patente a importancia do papel das mulleres nesta tradición. Tamén conta cunha parte audiovisual que dota de música e baile á exposición, na que se poden ver documentais, reportaxes, recollidas e actuacións de cantareiras.
Na inauguración, ademais de Anxo M. Lorenzo, estiveron presentes María López Sandez, en representación da Real Academia Galega; Carina Fernández Faya, comisaria da mostra e técnica da Biblioteca de Galicia, e María Xosé Fernández Cerviño, representante do Museo do Pobo Galego. O director xeral de Cultura subliñou tamén “a importancia de poñer en valor os grupos de música contemporáneos que están collendo a remuda das cantareiras para manter viva a nosa tradición”.
Un percorrido pola historia da lírica popular
A exposición afonda na realidade das cantareiras dende o século XVIII ata os nosos días. Daquelas, as mulleres das aldeas tocaban por pura necesidade, xa que non había outra maneira de escoitar música ca creándoa.
Frei Rosendo Salvado e Rosalía de Castro xa se interesaron no seu tempo polas cantigas populares galegas considerándoas "pura poesía, sen artificio" a pesar de estar nunha lingua diferente da oficial e proviren de mulleres labregas, de clase baixa. Rosalía foi, de feito, quen máis se identificou con esa literatura, empatizando co sentimento do pobo e levándoo ás altas esferas da época.
A mostra tamén recolle, a través de varios documentos, o interese de persoas estranxeiras como Dorothé Schubarth, Alan Lomax ou Gustav Henningsen pola nosa tradición. Chegaron a Galicia dende distintas partes do mundo na segunda metade do século XX e percorreron o territorio recollendo o patrimonio inmaterial que as mulleres das aldeas foran gardando.
Na actualidade, son moitos os grupos de música que colleron a remuda das cantareiras para achegar a tradición oral ata o día de hoxe dende unha perspectiva contemporánea. Tesoureiras do noso recolle esta historia e homenaxea a todas as mulleres que, lonxe dos focos, mantiveron viva a lírica popular.