Nova: A Xunta ofrece unha trintena de actividades para celebrar o Día dos Museos nos espazos que xestiona

14/05/2025
A Xunta ofrece unha trintena de actividades para celebrar o Día dos Museos nos espazos que xestiona
As propostas para conmemorar a efeméride, o día 18, esténdense ao longo do mes de maio con visitas guiadas, xornadas nocturnas, obradoiros e música
A programación dá conta, unha vez máis, da importancia destes equipamentos como dinamizadores da cultura, catalizadores do cambio e transformadores sociais
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2025
Os centros museísticos xestionados pola Xunta de Galicia nas catro provincias programan unha trintena de actividades para celebrar o Día Internacional dos Museos, que se conmemora cada ano polo 18 de maio, e que, pola súa coincidencia no tempo coas Letras Galegas, tamén crea lazos con esta efeméride, de maneira que durante todo o mes de maio estes espazos contan cunha programación especial para todos os públicos e intereses.
Neste senso, con motivo desta conmemoración internacional, que este ano ten por lema O futuro dos museos en comunidades en constante cambio, o Goberno galego tamén se suma cos seus equipamentos a poñer en valor a relevancia que teñen como dinamizadores da cultura e catalizadores do cambio, destacando a nivel mundial o papel transformador dos museos na sociedade.
Así, nesta data reivindicase que estes centros son máis que espazos de conservación e exposición, senón tamén participantes activos na configuración de comunidades sostibles e inclusivas. Neste senso, cómpre lembrar que a Xunta fomenta unha programación diversa e de calidade na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que ten por obxectivo eliminar todo tipo de barreiras, xa sexan físicas, territoriais ou de calquera outra índole, achegando a cultura a toda a poboación.
Ademais, desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apóstase por seguir medrando e ofrecendo os mellores contidos tras superar o medio millón de visitantes nos museos xestionados polo Goberno autonómico no 2024, cun incremento do 23% con respecto ao ano anterior.
A programación de actividades comprende a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Santiago de Compostela; o Museo de Belas Artes, na Coruña; a Fundación Pública Camilo José Cela, no concello coruñés de Padrón; o Museo do Mar de Galicia, en Vigo; o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, na cidade das burgas; o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño, no municipio ourensán de Ribadavia, e o Museo do Castro de Viladonga, na localidade lucense de Castro de Rei.
Provincia da Coruña
En Santiago de Compostela a Cidade da Cultura convida o sábado 17 a gozar das súas propostas nun horario fóra do habitual con Noite no museo, de maneira que, desde as 20,00 ás 23,00 horas, o público poderá participar nas sesións nocturnas das experiencias inmersivas Galiverso e Orixes, así como dunha visita especial á exposición dedicada a Rafael Úbeda, e todo coa presenza dun Dj e coa degustación de petiscos. Ademais, súmaselle o domingo, ás 12,00 horas, unha visita moi particular á arquitectura do Gaiás no marco do programa Outra mirada ao Museo.
No Centro Galego de Arte Contemporánea, tamén en Santiago, tampouco faltan as visitas guiadas, cun percorrido, ás 12,00 horas do domingo 18, polos seus espazos menos visibles. Mentres, durante a fin de semana contarán con obradoiros familiares para a cativada de entre 4 e 9 anos nos que explorarán sobre o traballo dunha serie de artistas de orixe iraniana, e que terán lugar tanto o sábado como o domingo ás 11,00 horas.
Pola súa banda, no Museo das Peregrinacións e de Santiago teñen programados dous obradoiros para o sábado. Un a partir das 10,30 horas, dedicado á construción de pandeiretas e dirixido a maiores de 14 anos, e outro desde as 11,30 horas centrado nunha das facetas, a cerámica, de Isaac Díaz Pardo, homenaxeado este ano polo Día das Artes. Xa no domingo, os maiores de 18 anos poderán achegarse, desde as 11,30 horas, a ler libros con Juan Tallón no encontro Ler comigo, e ás 12,00 horas haberá unha actuación da Agrupación Folklórica Aturuxo nos soportais do centro.
No Museo de Belas Artes, na cidade da Coruña, dedican a xornada dos museos á cativada, co obradoiro Máis alá dos lenzos desde as 12,00 horas, e a dar a coñecer a súa colección permanente con visitas guiadas ás mostras O Barroco e O Rexionalismo. Uns percorridos que se volverán repetir o sábado 24, cando tamén terá lugar no marco da Noite dos museos un concerto do grupo Son de Camagüey, ás 21,30 horas.
A programación da provincia complétase en Padrón da man da Fundación Camilo José Cela onde durante o mes de maio teñen en marcha un ano máis a iniciativa Letreseo, á que se porá fin o día 23, ás 20,00 horas, cun concerto de Antía Muíño. Ata ese mesmo día tamén se pode aproveitar a oportunidade de visitar de balde a exposición permanente e a temporal sobre o XXX aniversario da concesión do Premio Cervantes a Cela.
Provincia de Pontevedra
En Vigo, o Museo do Mar de Galicia abre as súas portas á cidadanía para mostrar os seus espazos con visitas de balde tanto o sábado 17 como o domingo 18, en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 20,00 horas, ademais de agasallar ás familias con nenos e nenas cun libro en galego, ata esgotar existencias.
As propostas do mes de maio continúan neste centro o sábados 24 e 31, ás 11,30 horas, coa actividade familiar para menores de 6 anos Os cabaliños de mar, na que os participantes poderán descubrir unha das especies máis singulares dos nosos mares. Complétanse neses mesmos días co percorrido guiado Un paseo polo mar polas diferentes salas onde se dá conta da historia mariñeira de Galicia, fixado para as 17,30 horas. Trátase dunha iniciativa para público xeral que se volve repetir no domingo 25 ás 11,30 e ás 17,30 horas.
Por outro lado, o Museo do Mar tamén conta cunha programación específica no Centro Arqueolóxico Salinae, un espazo no que se pode participar todos os sábados e domingos do mes de maio, ás 11,30 e ás 12,30 horas, na visita guiada Baixo os nosos pés, grazas á que se coñecerá un dos vestixios romanos máis importantes da contorna. Está destinada ao público xeral e menores a partir de 8 anos que, ademais, recibirán un libro en galego.
Para o domingo 18 o centro Salinae tamén organiza, ás 11,30 horas, o obradoiro didáctico Pisando arte. Mosaicos, cun achegamento paras os nenos e nenas de 8 a 12 anos a estas representacións que permiten coñecer a vida na época romana. A este, engádeselle outro obradoiro o sábado 31, ás 11,30 horas, que, desta vez co título de Sabores de Roma, iniciará á rapazada sobre a cociña e gastronomía dos romanos.
Provincia de Ourense
O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ofrece a oportunidade de visitar en Celanova o Castro de Castromao o xoves 22, ás 16,00 horas, sobre o que se presentará unha guía posteriormente no instituto da localidade. Tamén ten programada o luns 26, ás 19,30 horas, a conferencia Arqueoloxía en monodose, que versa sobre o Castro Coto do Mosteiro e que terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A maiores, continúa coa súa acción divulgativa Peza do Mes, coa que lle dá difusión aos seus fondos.
A provincia ourensá conta tamén en Ribadavia con dous espazos culturais: o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño, que celebran as Letras Galegas e o Día dos Museos con sendas actuacións musicais. O primeiro propón un concerto das cantareiras Ergutío, o venres 16 ás 20,00 horas e o segundo a actuación das Pandeireteiras da Istoria, o día anterior, o xoves 15 ás 20,00 horas.
Provincia de Lugo
En Lugo destaca a actividade do Museo Castro de Viladonga, que convoca á cativada no venres 16 para gozar dunha sesión de teatro infantil coa obra Gaela quere ser druída, ás 16,00 horas a cargo de Trécola Teatro. Esta iniciativa dálle continuidade ás diversas propostas desenvolvidas o sábado pasado coa Noite dos museos.