Nova: A Xunta e Gadis celebran as Letras Galegas cunha ‘Foliada!’ que adobía literatura, música e ilustración

09/05/2025
A Xunta e Gadis celebran as Letras Galegas cunha ‘Foliada!’ que adobía literatura, música e ilustración
Dez ilustradoras e escritoras galegas realizan unha interpretación contemporánea de composicións tradicionais
Este proxecto artístico reproducirase, a modo de vinilo musical, con 30.000 unidades que se agasallarán nos puntos de venda destes supermercados o vindeiro 16 de maio
López Campos gaba esta iniciativa que amosa “a implicación e compromiso” dos sectores económicos na difusión da cultura e lingua galegas
O titular de Cultura anima a máis empresas a sumarse ao emprego do noso idioma, ao abeiro das vantaxes do futuro selo de recoñecemento do compromiso co seu uso
Salienta estas accións para recoñecer a contribución ao noso patrimonio inmaterial das cantigas populares, á vez que para que teñan continuidade nas novas xeracións
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2025
A Xunta de Galicia colabora coa empresa Gadis no proxecto artístico Foliada! co que a cadea de supermercados se suma aos actos de celebración das Letras Galegas “homenaxeando desde unha ollada contemporánea ás cantareiras e á tradición oral, ás que se lle dedica este ano a efeméride”. Así o salientou na presentación da iniciativa o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen enxalzou a “orixinalidade e calidade” deste proxecto que adobía literatura, música e ilustración e que contará cunha reprodución, a modo de formato vinilo musical, de 30.000 unidades que se agasallarán nos puntos de venda destes establecementos o vindeiro 16 de maio.
O Centro Galego de Arte Contemporánea foi o escenario escollido para a presentación do proxecto, composto por cinco láminas, nas que se inclúen versos de coplas populares galegas e a interpretación artística realizada polas ilustradoras galegas Iria Zafián, Laura Mahía, Laura Tova, María Montes e Xoana Almar e as escritoras Ledicia Costas, Yolanda Castaño, María Lado, Esther Corredeaguas e María Solar, ofrecendo unha visión contemporánea destas composicións tradicionais.
López Campos enxalzou este tipo de accións que permiten “unir e establecer pontes entre as nosas creadoras do pasado coas actuais” e que non só serven para “recoñecer a contribución á nosa cultura e lingua das cantigas populares e das cantareiras”, senón que á vez son “tremendamente efectivas para que teñan continuidade nas novas xeracións”.
Selo de compromiso das empresas co galego
Na presentación, que contou tamén coa participación do secretario xeral da Lingua, Valentín García, o titular de Cultura do Goberno galego salientou que “iniciativas como estas demostran a implicación e compromiso dos sectores económicos na difusión da cultura e linguas galegas”.
Neste senso, animou a máis empresas e entidades do eidos socioeconómico de Galicia á incorporación do galego nas súas estratexias, “ao abeiro das vantaxes do futuro selo de recoñecemento do compromiso de uso e boa práctica da nosa lingua”. Ao respecto, avanzou que servirá referencia “de prestixio” para clientes, usuarios e provedores. O obxectivo desta medida, segundo precisou, é acadar “unha mellora progresiva no uso da lingua dentro do ámbito socioeconómico, outorgándolle unha maior visibilidade e prestixio, que promova tamén un maior uso da mesma”, subliñou.
López Campos inscribiu esta medida dentro das accións xa postas en marcha pola Xunta para incrementar o emprego do galego, sobre todo entre as xeracións máis novas. En concreto, apuntou a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, os cursos específicos para persoal sanitario e de xustiza, o deseño de unidades didácticas para persoas non nadas en Galicia, o impulso da iniciativa da plataforma audiovisual Xabarín con contidos para a cativada, a posta en marcha do Observatorio da Lusofonía, convocatoria, por primeira vez, de probas Celga en liña ou a oferta de cursos en centros do exterior como Nova York.