Nova: López Campos destaca o apoio á creación escénica independente de ‘escenas do cambio’ como piar dunha cultura inclusiva onde todas as voces teñen cabida

08/05/2025
López Campos destaca o apoio á creación escénica independente de ‘escenas do cambio’ como piar dunha cultura inclusiva onde todas as voces teñen cabida
O festival é unha cita consolidada do calendario cultural galego para artistas e públicos á procura de experiencias transformadoras en danza, teatro e artes vivas
Desde o xoves ata o domingo, ‘Escenas do cambio’ conquistará a Cidade da Cultura e o Salón Teatro con 15 espectáculos e artistas procedentes de oito países
O talento galego virá representado polas últimas creacións do Colectivo D’elas, VACAburra, Funboa Escénica, Elvi Balboa e Mercedes Peón
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou esta tarde no arranque do festival Escenas do cambio, impulsado pola Xunta de Galicia, cita imprescindible do calendario cultural galego para a creación escénica independente. Do xoves 8 ao domingo 11 de maio, a Cidade da Cultura e o Salón Teatro acollen un total de 15 espectáculos e encontros que conectan ao público galego con artistas e compañías procedentes de oito países: España, Alemaña, Australia, Bélxica, Corea do Sur, Cuba, Portugal e Suíza.
Durante a apertura, López Campos subliñou “o compromiso da Xunta co festival como parte da súa aposta por traballar a favor dunha cultura inclusiva e diversa onde todas as voces teñan cabida e todas as experiencias sexan dignas de ser representadas”. Fiel ao espírito comprometido e transgresor co que iniciou a súa andaina hai once anos, Escenas do cambio dá acubillo a propostas que cuestionan a forma de entender o amor, que remexen na historia da arte e nos imaxinarios colectivos para recuperar relatos esquecidos de mulleres e persoas racializadas ou que poñen en escena problemáticas como as relacións humanas mediadas polas pantallas ou a sobre-exposición constante nas redes. “Ser público de Escenas do cambio é máis ca unha experiencia estética, xa que busca sempre fomentar o pensamento crítico e o diálogo entre a audiencia e as artistas”, concluíu López Campos.
A directora artística do festival, Kirenia Martínez, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, acompañaron ao conselleiro de Cultura na súa benvida, tras a que abriu o festival o grupo formado polo Colectivo D’elas coa estrea de Velaiquich, Amoorch! Esta proposta trasladou a esencia dos movementos urbanos ás linguaxes da danza contemporánea, nun espectáculo que primou a improvisación e a interconexión dos bailaríns coa música, co público e coa arquitectura dos espazos exteriores do Gaiás.
A danza seguirá a ser a protagonista da primeira xornada do festival, con dúas obras internacionais, Fuga para o tempo presente e Worn Out, chegadas de Portugal e Corea do Sur, respectivamente. Dúas pezas nas que a poesía se traduce en movemento para falarnos das formas nas que nos relacionamos co mundo que nos rodea.
Talento galego en ‘Escenas do cambio’
Escenas do cambio segue a apostar por ofrecer un espazo privilexiado de creación e exhibición para artistas e compañías do país. Este ano, a representación galega está formada polas últimas creacións do Colectivo D’elas; da coreógrafa Elvi Balboa, que estrea Baunsbak; e de Funboa Escénica, que trae a Galicia o espectáculo Roland Mon Amour, coprodución do Centro Dramático Galego e do Centro Dramático Nacional.
Tamén se poderá ver en primicia parte do proceso artístico de VACAburra para Famila Nijinska, e a primeira peza de Mercedes Peón concibida para ser vista, de maneira efémera, a través de YouTube. O intanxible e o non mundo é o título desta obra singular, que porá o ramo á undécima edición do festival.
Encontros para o diálogo e estreas
Entre o xoves e o domingo Escenas do cambio inclúe cinco estreas absolutas, sete obras que se verán por primeira vez en Galicia, dúas estreas en España de obras internacionais e encontros abertos nos que calquera persoa interesada poderá dialogar directamente con artistas e profesionais da produción e da programación escénica.
O programa está deseñado como un mapa de inquedanzas colectivas, que explora un presente expandido no que conviven en tensión sentimentos como a nostalxia do pasado e a vontade de transformación. A información ao completo pode consultarse na web da Cidade da Cultura e en escenasdocambio.org.
A Xunta de Galicia organiza Escenas do cambio 2025 coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música, o Instituto Camões e o Goethe Institut.