Nova: Escenas do cambio arrinca o próximo xoves con 15 espectáculos para afondar no presente a través da música, a danza, o teatro e as artes vivas

04/05/2025
Escenas do cambio arrinca o próximo xoves con 15 espectáculos para afondar no presente a través da música, a danza, o teatro e as artes vivas
Organizado pola Xunta de Galicia e baixo a dirección de Kirenia Martínez, o festival remexe en temas como o amor romántico, a representación das persoas racializadas na arte, a saúde mental e os coidados, entre outros
Do 8 ao 11 de maio, o programa inclúe cinco estreas absolutas, sete obras que se verán por primeira vez en Galicia e dúas estreas en España de obras internacionais con artistas procedentes de oito países
A Cidade da Cultura, o Salón Teatro e tamén Internet, onde se retransmitirá un concerto exclusivo de Mercedes Peón, serán os escenarios desta undécima edición
As últimas entradas poden adquirirse en Ataquilla e no Museo Centro Gaiás
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2025
O festival Escenas do cambio, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ten todo a punto para iniciar o vindeiro xoves 8 de maio a súa exploración do momento presente a través da danza, a música, o teatro e as artes vivas de vangarda. Temas como a subversión do amor romántico, os coidados e a saúde mental, as dificultades para abandonar a zona de confort ante as inxustizas, ou actualización constante que esixe a sociedade actual entrelázanse nos 15 espectáculos dun programa pensado para ser percorrido como un mapa de inquedanzas, anhelos e desexos doutros futuros posibles.
Do 8 ao 11 de maio, Escenas do cambio transitará entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro para traer a vangarda escénica a Santiago de Compostela, con artistas e compañías procedentes de oito países: España, Alemaña, Australia, Bélxica, Corea do Sur, Cuba, Portugal e Suíza.
O encontro será a primeira ocasión para ver as últimas creacións de artistas galegas como Elvi Balboa ou o Colectivo D’elas, que estrearán as pezas de danza Baunsbak e Velaiquich, Amooorch! con música ao vivo nos exteriores do Gaiás. Tamén o grupo portugués Nuisis Zobop debuta no festival cunha Fuga para o tempo presente que combina filosofía, danza e poesía e está pensada para ser entendida e gozada por público a partir dos 6 anos de idade.
Música, ‘raza’ e heroísmo
Dous proxectos moi vencellados coa música completan as estreas absolutas desta undécima edición. A artista suíza de orixe colombiana Raissa Avilés canta cumbia, rock, reguetón e ata noise na obra La María o la espeluznante seducción de una canción de amor para facer e desfacer os imaxinarios populares sobre a paixón e o estar namorado. Mercedes Peón vólvese dixital para falar de O intanxible e o non mundo nun concerto que só se poderá escoitar e ver de maneira efémera en Internet.
Tamén moi musicais son as obras Roland mon Amour, nova creación de Funboa Escénica en coprodución co Centro Dramático Galego e co Centro Dramático Nacional; So de Cop, de Arnau Obiols, e Ruido, de Ça Marche. Na primeira, a galega Cris Balboa transfórmase nunha DJ que máis que dirixir desde un pedestal se mostra vulnerable e íntima co seu público. En So de Cop, o músico e artista catalán crea unha intervención visual e sonora na que mestura enxeños mecánicos con elementos naturais como cunchas, madeira e follas para recrear a sonoridade dun bosque imaxinado. Finalmente, Ruido pon a disposición do público (a partir dos 8 anos) todo un dispositivo de obxectos cos que converterse en deseñador e creador do son dos clips de cine que se proxectan no espazo.
A figura do heroe contemporáneo centra o discurso de I’m not a hero, unha obra de teatro físico e interactiva coa audiencia que trae a compañía suíza Fluctus, mentres o artista canario Reinaldo Ribeiro expón en Black Through Red e I’m not an influencer (Schwarzenegger exterminó mi futuro), dúas partes do tríptico performativo no que busca facer reflexionar sobre como se ve o corpo negro e mestizo nas artes e na cultura.
A memoria e a identidade individual e cultural son a materia prima que leva ao Salón Teatro Amalia Fernández nos tres actos de Solala, mentres a compañía surcoreana Chumpan Yamoo estrea en España Worn Out, un solo de danza contemporánea no que o corpo en movemento dialoga con obxectos aparentemente inanimados.
Catalizador de vínculos
Escenas do cambio configúrase non só como un escaparate para a creación, senón tamén como catalizador de vínculos entre artistas e coas audiencias. Nesta edición, destacan tres accións pensadas para ampliar o alcance das propostas escénicas. En primeiro lugar, a actividade de mediación con estudantes de danza, persoas con discapacidade e profesionais ligados á súa atención que está a organizar a compañía galega VACAburra no marco da súa residencia artística para a creación de Familia Nijinska.
Tamén o encontro previo á estrea en España de Exposure que os coreógrafos Julio César Iglesias Ungo (Cuba), Hans van den Broeck (Bélxica) e o músico australiano Ben Frost manterán co público para falar de como naceu e medrou esta obra coral, na que traballaron man a man coas compañías Danza Contemporánea de Cuba e o Urban Arts Ensemble Rurh alemán. E finalmente, o Comando Dramatúrxico, un laboratorio de experimentación e enlace entre o que ocorre antes, durante e despois do festival dirixido polo dramaturgo e profesor Afonso Becerra.
As últimas entradas para os espectáculos pódense mercar en Ataquilla e no Museo Centro Gaiás. Toda a programación do festival está dispoñible na web da Cidade da Cultura e en escenasdocambio.org.
A Xunta de Galicia organiza Escenas do cambio 2025 coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música – INAEM, o Instituto Camões e o Goethe Institut.