Nova: López Campos salienta o compromiso das artes escénicas galegas coa accesibilidade e a inclusión

30/04/2025
López Campos salienta o compromiso das artes escénicas galegas coa accesibilidade e a inclusión
A Xunta e a asociación Escena Galega reúnen 65 responsables de espazos escénicos e de produtoras de espectáculos para abordar as boas prácticas e as medidas prioritarias neste ámbito
O programa do encontro inclúe a proxección do documental ‘Habitar la escena’, testemuñas de persoas con capacidades diversas e actividades formativas encamiñadas a conseguir uns escenarios e espectáculos cada vez máis accesibles
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, abriu hoxe na Cidade da Cultura de Galicia a xornada formativa Accesibilidade e inclusión: visibilizar, sensibilizar, formar e compartir, organizada pola Xunta de Galicia e a asociación Escena Galega para abordar as boas prácticas e as medidas prioritarias para continuar avanzando no obxectivo común dunhas artes escénicas cada vez máis inclusivas e accesibles.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a presidenta de Escena Galega, Patricia de Lorenzo, acompañaron o conselleiro neste acto inaugural, que deu paso a unha serie de accións divulgativas e formativas que se estenderán durante todo o día coa participación de 65 responsables de espazos escénicos e de produtoras de espectáculos de toda Galicia.
O titular de Cultura do Goberno galego cualificou esta xornada de “moi necesaria” no marco do traballo conxunto para garantir que todas as persoas “teñan as mesmas oportunidades para acceder a un pleno desenvolvemento persoal, social e cultural” e salientou especialmente o compromiso do sector das artes escénicas “por romper barreiras que impidan o acceso e o goce da nosa ampla oferta cultural”.
Lei pioneira en Europa
López Campos fixo referencia, así mesmo, á recente Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, “pioneira a nivel europeo” ao ofrecer un marco normativo para o acceso universal á cultura tanto desde o punto de vista da oferta de servizos e produtos para o público como do da súa creación.
Articulado arredor de catro eixos, visibilizar, sensibilizar, formar e compartir, o programa de actividades comezou poñendo o foco en diferentes experiencias respecto da accesibilidade experimentadas desde ambos lados do escenario. Así, en primeiro lugar proxectouse o documental Habitar la escena, producido pola Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública, no que 12 profesionais do sector ofrecen unha ollada profunda e crítica sobre os cambios que se están a producir para facer dos teatros espazos máis abertos, participativos, accesibles e inclusivos.
A continuación e baixo o título Un achegamento ao mundo da discapacidade, desenvolveuse unha charla protagonizada por persoas con capacidades diversas para coñecer de primeira man cales son as barreiras ás que se enfrontan como consumidoras e profesionais das artes escénicas en Galicia. Conducida por Patricia de Lorenzo, quen ademais de presidir Escena Galega é actriz e integrante do Grupo Chévere, participaron nela a educadora e pedagoga Paula Varela Costas, a filóloga e lingüista Carla Méndez Trillo e o actor Elvis García Torres.
Formación para espazos e compañías
No que respecta aos apartados formar e compartir cóntase con Ana Candela Campello e Javier Díez, integrantes do colectivo We Act, asociación de profesionais do ámbito da arte, cultura e comunicación, que ten como principal obxectivo promover unhas artes escénicas libres de barreiras. Na xornada de mañá foron os encargados de ofrecerlles aos participantes unha sesión introdutoria sobre medidas de accesibilidade para os colectivos de persoas con discapacidade visual, auditiva, saúde mental, TEA e mobilidade reducida, así como de boas prácticas neste sentido.
Xa pola tarde, impartirán cadanseu taller específico para responsables de espazos escénicos, aos que se lles ofrecerá as claves para analizar e planificar a súa adaptación tanto desde o punto de vista arquitectónico como da programación, a produción ou a comunicación, e para empresas de produción escénica, con exemplos de espectáculos que recollen diferentes opcións de integración dende a creación e aplicación práctica.