Nova: Rueda anuncia que a Xunta aproba a declaración de Ben de Interese Cultural do Pazo de Lourizán polo seu valor arquitectónico, histórico e paisaxístico

14/04/2025
Rueda anuncia que a Xunta aproba a declaración de Ben de Interese Cultural do Pazo de Lourizán polo seu valor arquitectónico, histórico e paisaxístico
Rueda lembra que o Executivo autonómico está a investir "máis de 17,3 M€ na súa restauración para abrilo ao conxunto da cidadanía”
O Consello dá o visto e prace ao decreto na categoría de monumento que abrangue o edificio principal, o arboredo histórico, os xardíns e os elementos auxiliares
Obtivéronse os informes favorables do Consello da Cultura Galega, a Real Academia de Belas Artes do Rosario e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña
O presidente resalta que, con este, son 785 os Bens de Interese Cultural declarados na comunidade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou esta mañá o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento, o Pazo de Lourizán, situado no concello de Pontevedra. Trátase dun emblema do patrimonio cultural de Galicia e que “destaca polo súa singularidade arquitectónica, histórica, paisaxística e técnica”, indicou.
A declaración chega tras os informes favorables emitidos pola Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña e o Consello da Cultura Galega, despois de que a consellería de Cultura, Lingua e Xuventude iniciase este procedemento en maio de 2023 para poñer en valor o seu papel declarado como exemplo de arquitectura civil de estilo ecléctico.
Tal e como explicou o presidente, a protección abrangue un amplo conxunto patrimonial de grande singularidade, que inclúe “o edificio principal —construído a comezos do século XX baixo o deseño de Jenaro de la Fuente Domínguez— así como as instalacións auxiliares”, fontes, muíño, invernadoiro, estanques e o arboredo histórico, considerado un dos máis destacados de Europa. O decreto subliña o seu valor arquitectónico e artístico como “exemplo do estilo ecléctico” influído polo estilo do Segundo Imperio Francés, pero tamén o seu valor etnolóxico, histórico e científico, en canto a que é espazo vinculado á historia institucional galega e á “formación e innovación no eido forestal”.
Este recoñecemento pon en valor a evolución histórica do conxunto, desde o seu uso orixinal como granxa agrícola ata converterse nunha quinta señorial de recreo con carácter representativo e institucional, manténdose hoxe como un referente de cultura e natureza únicos da cidade de Pontevedra e da paisaxe galega. Ademais, tamén pon en a súa vinculación con Montero Ríos como personalidade política da transición ao século XX, as diferentes mencións na documentación e literatura ao Pazo, así como o feito de que os seus xardíns como lugares en que puideron acontecer momentos e decisións políticas relevantes.
Amplo conxunto
O expediente inclúe o mapa de delimitación do ben e a súa contorna de protección, que recolle a totalidade do predio e dos elementos arquitectónicos, naturais e paisaxísticos que conforman o Pazo de Lourizán. A delimitación responde á morfoloxía do terreo e á integración visual e funcional dos espazos protexidos, incluíndo accesos, camiños, zonas axardinadas e edificacións vinculadas ao uso orixinal e actual do conxunto.
O decreto establece para o Pazo un nivel de protección integral, o cal garante a conservación de todos os elementos e impón a obriga de obter autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para calquera intervención. Esta figura de protección permitirá preservar a súa identidade histórica e cultural, e orientar os futuros usos segundo os criterios establecidos pola Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia.
Rueda lembrou que a Xunta está a investir “máis de 17,3 M€ na restauración e rehabilitación” do Pazo de Lourizán para abrir o complexo “ao conxunto da cidadanía”. Unhas obras que arrancarán ao longo deste ano coa previsión de que estean rematadas a finais de 2026 e 2027.
Con esta nova declaración, Galicia suma xa 785 bens de interese cultural, dos cales 112 foron declarados desde a entrada en vigor da Lei de 2016, consolidando o compromiso da Xunta coa protección do patrimonio cultural galego.