Nova: A Xunta iniciará nos vindeiros días as obras na igrexa de Santa Mariña de Esposende

01/04/2025
A Xunta iniciará nos vindeiros días as obras na igrexa de Santa Mariña de Esposende
Con estes traballos preténdese solucionar os problemas de humidade e mellorar as condicións do edificio
A actuación responde ao compromiso do Goberno galego para preservar no mellor estado posible os bens patrimoniais da Comunidade
Destaca que “estamos en permanente contacto cos concellos para coñecer as súas necesidades e actuar para salvagardar os seus monumentos históricos”
Cenlle (Ourense), 1 de abril de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe a igrexa de Santa Mariña de Esposende para comprobar o seu estado antes das obras “que están xa adxudicadas e comezarán nos vindeiros días, en canto se coloque a estrutura de andamios, que é laboriosa” para acometer a mellora das condicións de humidade, cun investimento da Xunta de 168.000€.
Así, o representante do Goberno galego lembrou que se trata dun ben incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia “no que actuamos para mantelo no mellor estado posible e preservalo para as xeracións futuras, como así estamos a facer en diversos puntos da Comunidade”. Neste senso, indicou, “desde a Xunta mantemos un firme compromiso co noso legado patrimonial, como é este caso, garantindo a súa protección para que non se perda a nosa historia en ningún lugar do territorio”.
Ademais, López Campos fixo fincapé en que ese “compromiso coa salvagarda dos monumentos históricos abrangue desde os grandes templos, ao abeiro do Plan Catedrais, ata pequenas igrexas e outros bens espallados polos concellos galegos, cos que estamos en permanente contacto para coñecer as súas necesidades neste eido”.
Actuacións programadas
Tal e como comprobou o conselleiro de Cultura durante a visita, con esta actuación preténdese intervir sobre as humidades de filtración no paramento interior do coro da igrexa e nos paramentos interiores da fachada norte da nave, así como dos paramentos da capela gótica, que danan as pinturas murais existentes que na actualidade se ocultan tralas sucesivas capas de encalado.
Os traballos consistirán na revisión xeral dos encontros de chumbo existentes; na limpeza da cuberta e dos paramentos exteriores de cantaría; na restauración dos elementos escultóricos e os xugos das campás; na substitución da fiestra de saída á cuberta e recolocación da escaleira; na ocultación do oco de saída á cuberta para a súa harmonización co ámbito espacial da igrexa; na eliminación de elementos metálicos deteriorados e na execución dunha drenaxe exterior na fachada norte.
Cómpre lembrar que a igrexa de Santa Mariña de Esposende é unha edificación románica dos séculos XII e XIII con incorporacións na nave dunha capela gótica do século XVI e unha sancristía.