Nova: A Xunta abrirá ao público durante as fins de semana o Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro

01/04/2025

A Xunta abrirá ao público durante as fins de semana o Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incorpora persoal que realizará visitas guiadas desde ás 9,00 horas ata ás 14,00 horas

No compromiso coa promoción e divulgación da cultura e o patrimonio, o espazo tamén contará con actividades didácticas e de lecer

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025

A Xunta de Galicia abrirá durante as fins de semana o Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro, ampliando así a dispoñibilidade de visitas ao público. Trátase dunha iniciativa coa que o Goberno galego mantén o seu compromiso coa promoción, divulgación e protección do patrimonio e da cultura galegas.

Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude amplía ás fins de semana os horarios de apertura de este espazo, grazas á incorporación de persoal que estará encargado da recepción e acompañamento á palloza Xan López, que permanecerá aberta sábados e domingos, de 9,00 a 17,00 horas. A través destas visitas, que serán guiadas, a xente poderá descubrir a historia dos devanceiros galegos que habitaron este entorno, de aproximadamente 300 metros cadrados, onde tamén se atopan as outras tres construcións que reciben o nome de Quico, Galán e Campelo.

Ademais, como complemento a estas rutas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén porá en marcha diferentes actividades didácticas e de lecer relacionadas con este conxunto que xestiona o Museo do Castro de Viladonga, un dos centros que pertence á rede de museos xestionados pola Xunta de Galicia.

Deste xeito, o Goberno galego busca poñer en valor o Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro polo valor patrimonial e cultural destas construcións de planta ovalada, muros baixos e teitos de palla. Todo isto, porque durante séculos foron habitadas e a través de todos os obxectos que se atopan no seus interiores os visitantes poderán descubrir como era a vida tradicional na montaña lucense, o traballo agrícola e gandeiro ou aspectos da vida cotiá das persoas.

Divulgación cultural e patrimonial

Este traballo de divulgación cultural e patrimonial atópase enmarcado nos obxectivos da recentemente aprobada Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca derrubar barreiras físicas, cognitivas sociais ou territoriais ofrecendo un amplo abano de propostas culturais que estean repartidas por toda a xeografía galega e adaptadas a todos os públicos.

Comparte