Nova: Difusión da literatura galega na Feira do Libro de Bos Aires
08/05/2015
Difusión da literatura galega na Feira do Libro de Bos Aires
Exponse unha mostra representativa da produción editorial galega actual e organízanse diversos actos literarios, coa presenza dos escritores Ánxela Gracián, Luís González Tosar e Armando Requeixo
Bos Aires, 8 de maio de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén estes días unha intensa actividade de difusión do libro e da cultura galega na Feira do Libro de Bos Aires, que convoca máis dun millón de visitantes e que este ano celebra a súa 41º edición.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, desprazouse á capital arxentina para participar na xornada de onte na presentación do libro ‘Francisco Luis Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia’, na que tamén interviron o coordinador da obra, Luís González Tosar, o investigador Armando Requeixo e representantes da cultura arxentina, como o presidente da Academia Argentina de Letras, J. Luis Moure, o escritor e presidente da Sociedad Argentina de Escritores, Alejandro Vaccaro, e o académico e escritor Antonio Requeni, cunha importante afluencia de público que se achegou a coñecer a vertente de produción e relación con Galicia deste intelectual de referencia na literatura arxentina.
Tal como destacou o secretario xeral na presentación, “este libro, que pon en valor diferentes visións sobre a traxectoria do autor, é froito do traballo colectivo de escritores galegos e arxentinos e no que tamén estiveron implicadas a Real Academia Galega, a Academia Argentina de Letras e a Sociedad Argentina de Escritores”.
As actividades literarias programadas pola Xunta de Galicia proseguirán ao longo do día de hoxe, no que está prevista a presentación do último número da revista ‘Cuadrante’, que publica a Asociación Amigos de Valle-Inclán, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, no que trata a presenza de Valle na Arxentina. Esta obra, tamén colectiva, que coordinou a profesora emérita da Universidad de Bos Aires María del Carmen Porrúa, incorpora as investigacións de destacados académicos arxentinos que estudaron a influencia de Valle-Inclán tras o seu paso por Arxentina.
Ademais desta presentación, a escritora e tradutora galega Ánxela Gracián protagonizará esta tarde un recital poético baixo o título ‘Palabras de pan. Da tradición oral á escrita literaria’.
Doazón de libros galegos á Biblioteca Pública Julio Cortázar
Na súa visita á capital arxentina, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, acompañado pola delegación galega, visitou a biblioteca Julio Cortázar, do Goberno da cidade de Bos Aires, para realizar unha nova entrega de exemplares significativos da literatura galega destinados á sección Rosalía de Castro, creada no ano 2010. “Esta iniciativa forma parte dunha política de fomento da cooperación cultural con Arxentina, e permite que devolvamos parte desa vinculación histórica, difundindo neste país a nosa produción cultural más recente”, indicou. A Biblioteca Cortázar anunciou que promoverá a realización de lecturas galegas semanais dentro da programación do ciclo Babel.
Reunión coa Directora de Industrias Culturais de Arxentina
Na mañá de onte, o secretario xeral de Cultura mantivo unha xuntanza coa directora xeral de Industrias Culturais do Goberno da Nación arxentina, Natalia Calcagno. En colaboración con este departamento, co que Galicia mantén “fluídas” relacións institucionais, ambos os responsables adiantaron posibilidades de cooperar na proxección da presenza galega no Mercado de Industrias culturais MICA e en MICASUR. Este ano, unha nova edición de MICA terá lugar o vindeiro mes de setembro, en Arxentina, e, segundo adiantou o secretario xeral de Cultura, “haberá unha importante presenza de empresas galegas do sector audiovisual”.
Visita dos escritores galegos ao Instituto Santiago Apóstol
Este venres, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, tamén manterá un encontro co profesorado e alumnado do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol, en palabras de Lorenzo, “un dos baluartes da galeguidade en Bos Aires”. A subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal, e os escritores Ánxela Gracián, Armando Requeixo e Luís G. Tosar tamén estarán presentes nesta visita, que completan con outras actividades programadas co alumnado dos distintos niveis educativos, arredor da literatura e da tradución.
Para finalizar esta segunda xornada da visita institucional, Lorenzo reunirase tamén cos directivos da Sociedad Argentina de Escritores (SADE). O sábado está previsto que o conselleiro Román Rodríguez se desprace tamén á capital bonaerense, na súa primeira viaxe oficial ao país, para recoller o pase de México DF a Santiago de Compostela como cidade convidada da vindeira edición da Feira do Libro de Bos Aires, unha oportunidade para proxectar a cultura galega en Arxentina e promover novas relacións culturais e económicas.