Nova: A Xunta recupera o templete de Palacios no Porriño tras investir máis de 260.000 € na súa restauración

08/01/2025

A Xunta recupera o templete de Palacios no Porriño tras investir máis de 260.000 € na súa restauración

López Campos destaca que estes traballos súmanse a outras intervencións de preservación de obras do prestixioso arquitecto, como o Templo Votivo do Mar

O responsable de Cultura encadra esta acción no compromiso do Goberno galego “co noso patrimonio máis senlleiro para que siga contando a nosa historia”

Lembra que a Xunta ten realizado 130 actuacións patrimoniais durante o pasado ano cun investimento de case 13 millóns de euros

A visita coincide co 151 aniversario de nacemento do urbanista, que conta cunha programación conmemorativa e unha tiraxe especial da Lotería Nacional

O Porriño (Pontevedra), 8 de xaneiro 2025

A Xunta de Galicia acabou os traballos de restauración do templete de San Luis no Porriño, tras un investimento de máis de 260.000 euros para recuperar a obra do arquitecto Antonio Palacios que foi acceso á primeira liña da rede de Metro de Madrid e que se trasladou a este concello pontevedrés no ano 1970. Así o anunciou conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante a visita a este ben coincidindo co aniversario do  nacemento do urbanista en 1874.

Tal e como destacou o responsable de Cultura do Goberno galego, con esta actuación “recupérase para a súa merecida posta en valor unha obra emblemática dunha figura imprescindible e de referencia, tanto na arquitectura como no urbanismo de Galicia e España”, enxalzou.

Así mesmo, o conselleiro enmarcou esta intervención dentro das accións que se están a levar a cabo na preservación de obras do prestixioso arquitecto. En concreto, referiuse ao templo Votivo do Mar en Panxón, no concello pontevedrés de Nigrán, ao que se destinan 350.000€ para reparar os danos causados polo paso do tempo e que está previsto rematar no primeiro semestre deste ano.

López Campos tamén encadrou a restauración do templete de San Luis dentro do compromiso da Xunta de “conservación, mantemento e posta en valor dos nosos bens patrimoniais para que sigan contando a nosa historia ás novas xeracións”. Neste senso, lembrou as 130 intervencións arquitectónicas sobre 81 bens realizadas o ano pasado cunha contía de case 13 millóns de euros e avanzou que nos Orzamentos de 2025 resérvanse 22 M€ para área de Patrimonio.

Posta en valor dentro do Camiño Portugués

No caso concreto do templete, López Campos explicou que as obras buscaron acadar un espazo axeitado co obxecto de “mellorar a súa presenza no lugar e pór en valor a peza, ao tempo que se lle devolve o seu carácter arquitectónico”. Ademais, precisou que se repararon os danos nos elementos construtivos cunha cuberta e cun chan que facilite a súa conservación.

O conselleiro salientou o feito de que o templete está situado na entrada do Camiño Portugués ao seu paso por O Porriño, “razón pola que se tivo en consideración o seu emprazamento singular á hora de definir a intervención”, destacou.

O proxecto completouse cunha cuberta para protexer ao edificio das inclemencias metereolóxicas e dar acubillo a posibles actividades, coa instalación dun elemento de vidro semellante ao cartel orixinal da parada do Metro e a incorporación cun novo sistema de iluminación de presenza e ornamental. Por último, co fin de axudar a entender á veciñanza e visitantes o que foi esta edificación, reflectiuse no despece do pavimento e marcouse a proxección da antiga marquesiña cun cambio de textura.  

Construído en 1919

O templete foi construído en 1919 por Antonio Palacios para acceder á estación de Metro na Gran Vía en Madrid. Está incluído no proxecto que lle encargou en 1917 a Compañía Metropolitana e que comprendía o deseño e a decoración de todos os espazos interiores e exteriores da liña Sol-Ventas.

A construción orixinal contaba cun ascensor no seu interior que quedou en desuso despois de colocarse as escaleiras mecánicas. Isto acelerou a súa desmontaxe en 1970. Foi posteriormente enviado ao Porriño por ser a cidade natal do arquitecto, despois de varias alternativas para a súa localización en Madrid e na actualidade está colocado no Campo da Feira.

Programación do aniversario do seu nacemento

Coincidindo a visita a este ben coa data exacta de aniversario do nacemento de Antonio Palacios, o conselleiro asistiu á presentación especial da programación conmemorativa por parte do Concello do Porriño, que inclúe unha tiraxe especial de Lotería  Nacional coa imaxe da Casa Consistorial, que tamén é unha obra emblemática deste afamado arquitecto.

Comparte