Nova: López Campos enxalza o “papel esencial” da música e cantos tradicionais na preservación e divulgación da cultura e lingua galegas

10/12/2024

López Campos enxalza o “papel esencial” da música e cantos tradicionais na preservación e divulgación da cultura e lingua galegas

O representante da Xunta salienta o labor centenario desta institución no “prestixio e dignificación do noso valioso patrimonio inmaterial dentro e fóra de Galicia”

Erixe a formación como “unha das mellores embaixadoras” das nosas tradicións e do “valor e orgullo identitario” que supón contar cunha cultura e idioma propios

Lembra a recente posta en marcha da incoación do expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural da música e o baile tradicionais galegos

Ourense, 10 de decembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe “o papel esencial” que desenvolven a música e cantos tradicionais na preservación e na divulgación da cultura e lingua galegas. Fíxoo durante a entrega en Ourense do Premio Otero Pedrayo 2024 á Coral de Ruada, nun acto no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

O responsable de Cultura da Xunta salientou que a Coral de Ruada é “máis que unha agrupación folclórica” e erixiuna como “toda unha institución dentro da cultura de Galicia”, xa que lembrou que se trata dunha das formacións máis antigas da Comunidade. Precisamente, apuntou que as súas orixes están estreitamente vencelladas a Otero Pedrayo, xa que naceu ligada á Xeración Nós. “Compartindo, desde as raíces, o espírito galeguista defendido por moitos destes grandes intelectuais, entre os que tamén estaban Vicente Risco ou Florentino López Cuevillas”, subliñou.

Neste sentido, considerou que Galicia e a cultura galega “poden sentirse afortunadas” por contar “cunha das mellores embaixadoras” das nosas tradicións, xa que a través das xiras internacionais da Coral de Ruada “a música popular e o noso idioma viaxaron ao redor do mundo, axudándonos á difusión, ao prestixio e á dignificación merecida de ambas”. “Sodes exemplo de como a música, ao igual que a lingua, pode ser unha ponte de comunicación entre as distintas culturas”, reivindicou.

Por estes motivos, López Campos trasladoulle os parabéns á coral, á que lle agradeceu a “a intensa e importantísima labor na conservación dun dos piares do noso patrimonio inmaterial, como é a música e o baile” e que fixo extensible a todas as agrupacións musicais folclóricas polo “inquebrantable compromiso con este legado” e tamén por axudar a  difundir o “valor e orgullo identitario que supón contar cunha cultura e idioma propios”.

Música e baile tradicionais, Bens de Interese Cultural

Ao respecto, incidiu en que a música e o baile son unha das manifestacións culturais “máis senlleiras” de Galicia, “que forman parte indispensable da nosa identidade, que deben contar coa máxima protección”. Precisamente, lembrou que o pasado 25 de novembro o Goberno galego incoou o procedemento para nomear Ben de Interese Cultural á música e o baile tradicionais galegos.

“Son a expresión e a manifestación da diversidade e riqueza cultural que temos dentro de Galicia. Por iso, é necesario este tipo de recoñecementos ás agrupacións, como a Coral de Ruada, que traballan por a súa conservación e difusión”, concluíu.

Premio con case medio século traxectoria

O Premio Otero Pedrayo naceu en 1977 co obxectivo de perpetuar e honrar a memoria do ilustre galeguista, recoñecer a contribución á cultura de persoas e entidades no campo das letras e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

O galardón está dotado con 16.000 euros e recoñece a contribución que fan persoas ou entidades á cultura galega, como é o exemplo o da Coral de Ruada. Nesta edición, o xurado, composto por representantes do Goberno galego, das catro deputacións, das universidades galegas, da Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo, destacou o percorrido da Coral Ruada e o seu traballo na promoción da música tradicional, con múltiples discos gravados, publicacións escritas ou diferentes actividades arredor da cultura.

Comparte