Nova: A Cidade da Cultura aposta polo fomento da creación artística en familia como ferramenta de sensibilización contra as violencias machistas
17/11/2024
A Cidade da Cultura aposta polo fomento da creación artística en familia como ferramenta de sensibilización contra as violencias machistas
Posiblemente é un obradoiro que incentiva o respecto e a igualdade entre todos os membros da familia e promove a expresión en conxunto por medio da arte
A actividade celébrase o día 30 de novembro con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, no Museo Centro Gaiás e as entradas poderán conseguirse a partir do luns en Ataquilla.com
As persoas participantes, ademais de realizar as súas propias creacións, tamén coñecerán a artistas que non tiveron o espazo que se mereceron na historia a través dunha xincana na exposición Outras historias posibles
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2024
A Xunta de Galicia incentiva o respecto e a igualdade, así como a concienciación e sensibilización sobre a violencia machista entre todos os membros da unidade familiar cun obradoiro artístico este 30 de novembro na Cidade da Cultura. Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra o 25 de novembro, realizarase no Museo Centro Gaiás esta actividade na que tanto a cativada como as nais e os pais poderán gozar dunha xincana didáctica para, despois, descubrir que eles tamén son quen de converterse en artistas. As entradas poderán conseguirse a partir do luns día 18 en Ataquilla.com
O fío condutor desta actividade da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que dará comezo ás 16,00h e se alongará ata as 19,00h, é o poder da arte como ferramenta catalizadora de emocións. Así, o obradoiro divídese en dúas partes. Na primeira, todos os membros da unidade familiar formarán un equipo que deberá resolver misións e probas dentro da exposición Outras historias posibles, a través da que coñecerán a obra de artistas contemporáneas que non tiveron o espazo que se mereceron na historia e que esta exposición recupera e contextualiza.
De seguido, serán as familias as que darán o paso para expresar as súas propias emocións a través da arte. A segunda parte do obradoiro comezará coa historia de dúas nenas que, aparentemente, teñen vidas moi semellantes, pero, ao afondar nas súas situacións, percibiranse dúas historias moi diferentes representativas do bo e o mal trato. Por medio de pinturas, texturas e recortes as familias poderán expresar o que lle provocan estas situacións. Que cores empregamos para plasmar os berros? Como debuxamos a tristeza ou a soidade? E a empatía? A través desta dinámica, os pais e nais percibiran dun xeito moi visible como afectan certas situacións á cativada.
O xogo e a arte para promover a igualdade
Este obradoiro artístico en familia, ademais de concienciar e sensibilizar sobre a violencia machista, tamén actúa intrinsecamente como unha ferramenta para promover as relacións igualitarias e respectuosas dentro do núcleo familiar. O xogo enmárcase en dinámicas que fomentan a escoita activa, a posta en valor de todas as opinións, capacidades e habilidades por igual e alenta a comunicación entre as participantes facilitando a posta en común de experiencias e emocións.