Nova: López Campos destaca o carácter estratéxico e pioneiro do FIOT de Carballo para o sector escénico

06/09/2024

López Campos destaca o carácter estratéxico e pioneiro do FIOT de Carballo para o sector escénico

A mostra, que se desenvolverá do 26 de setembro ao 31 de outubro en diferentes espazos da localidade, ofrece 36 propostas en cartel con oito estreas de espectáculos galegos e sete en Galicia de compañías de fóra

Volve contar coa implicación da Xunta a través das axudas a festivais de artes escénicas, liña de subvencións que este ano destina 280.000 euros a 12 eventos

Carballo (A Coruña), 6 de setembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou esta tarde na presentación da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, que terá lugar do 26 de setembro ao 31 de outubro con 36 espectáculos en cartel, dos que oito son estreas absolutas e poderán verse por primeira vez en Galicia. A Xunta volve cofinanciar esta cita cunha subvención de máis de 50.000 euros a través da convocatoria de axudas para festivais profesionais de artes escénicas, que este ano distribúe 280.000 euros entre 12 eventos.

O conselleiro felicitou a Asociación Cultural Telón Aparte, organizadora do encontro, pola calidade da programación de 2024, na que revalida as características identificadoras dunha cita que -incidiu- “se atopa, por méritos propios, entre as máis importantes do sector non só na nosa Comunidade, senón en todo o territorio español”. En concreto, subliñou o seu “papel como escaparate para destacadas estreas galegas, a presenza de moi interesantes propostas chegadas de fóra e a súa aposta pioneira por diferentes accións de captación e fidelización de públicos”.

Incremento no apoio aos festivais escénicos

Segundo o titular de Cultura do Goberno galego, estes sinais de identidade definen o “carácter estratéxico do festival dentro do circuíto de festivais escénicos, pero tamén como un dos eventos de cabeceira do outono cultural galego”. Neste sentido, a mostra carballesa atópase, ano tras ano, nun lugar destacado entre os certames do sector subvencionados pola Xunta e para os que este ano se incrementou a dotación en máis dun 30%, mantendo así a tendencia ascendente dos últimos anos.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o conselleiro nesta presentación, na que interviñeron así mesmo os representantes das entidades locais tamén implicadas na organización do festival.

Baixo o lema Agora é sempre, este ao o Festival Internacional Outono de Teatro pon o foco na revisión contemporánea de obras clásicas, así como na vixencia dos grandes temas do teatro desde un punto de vista actual. Deste xeito, moitos dos espectáculos que pasarán por Carballo remiten a autores do pasado e a temáticas que, aínda que parezan actuais, son conflitos ou problemas universais.

Deste programa de exhibición, no que se combinan moi diferentes linguaxes escénicas, o conselleiro destacou a presenza en Carballo de coñecidos nomes da escena estatal, como Alberto Conejero, Malena Alterio ou Javier Cámara, xunto a figuras clave das nosas artes escénicas como Paula Carballeira, Esther F. Carrodeguas, Evaristo Calvo ou Cándido Pazó.

Espectáculos galegos en primicia

Esta 33ª edición, na que se lle entregará o premio Xograr de Outono a Avelino González, inclúe oito estreas absolutas de produción galega: Mulleres que viven soas #MQVS, de Berrobambán, en coprodución co propio festival; Multiperspectivas#3, de Paula Quintas Cía., os monólogos Cagadas, de Cándido Pazó, e Instrucións para tomar café, de Carlos Rebolo, así como catro pezas de microteatro do certame Metro Cadrado, que se poderán ver en espazos non convencionais do municipio.

Ademais, Camiño Escena Norte, programa de intercambio entre Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra que conta tamén co apoio da Xunta, volveu elixir o FIOT como representante galego na súa iniciativa Vieiros para establecer vínculos e darlle proxección exterior a un proxecto cultural por comunidade. Da man deste circuíto, chegará a Carballo Olvido Flores, da navarra Estefanía de Paz Asín.

Así mesmo, o Festival Internacional Outono de Teatro trae por vez primeira a Galicia as montaxes Casting Lear, de Andrea Jiménez; Vania x Vania (versión 1), de Teatro Kamikaze con Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto; Teatro de papel, de Rauxa Cía.; Una rueda que da vueltas, de Almealera; a peza de teatro de rúa Lullaby, de Proyecto Kavauri, e o monólogo de Miki Dkai Sois maravillosos D. O. Cádiz. Ao tempo, o certame acolle o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas temporadas: El brote, da Compañía Criolla. 

Comparte