Nova: A Xunta lanza axudas para a produción de audiolibros e de libros en lectura fácil para favorecer o acceso universal á lectura e á creación literaria

10/03/2024

A Xunta lanza axudas para a produción de audiolibros e de libros en lectura fácil para favorecer o acceso universal á lectura e á creación literaria

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 150.000 euros nesta convocatoria con carácter plurianual para 2024 e 2025

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2024

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar  a nova convocatoria de subvencións para a produción de audiolibros e de libros en lectura fácil, dúas liñas de axudas ás que se destinan 150.000 euros con carácter plurianual para 2024 e 2025. Este ano destínanse 70.000 euros e no 2025 disporase de 80.000 euros.  

Con esta liña de axudas a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades busca impulsar a produción editorial en novos formatos, para favorecer así o acceso universal á lectura e á creación literaria galega por parte de toda a poboación. As persoas interesadas, que deben acreditar a condición de editoras, poderán solicitar estas axudas ata o 8 de abril. Tanto as subvencións para a produción e comercialización de audiolibros en galego como para a produción e comercialización de libros en lectura fácil contarán, cada unha, con 75.000 euros, 35.000 correspondentes a esta anualidade e 40.000 á anualidade 2025.

O obxectivo desta iniciativa é o de incentivar a produción de libros, que favorezan tanto a dixitalización como o acceso universal á cultura, a través da posta no mercado de audiolibros e de libros en lectura fácil, dous ámbitos prioritarios para o fomento da lectura e a cultura galega inclusiva. A Xunta de Galicia incrementa estas axudas debido a que considera primordial incrementar o apoio á produción editorial nesta materia.

Lei de cultura inclusiva e accesible

Con esta nova convocatoria a Xunta de Galicia agarda un aumento de participación por parte do sector editorial con respecto á que se puxo en marcha por primeira vez no ano 2023, na que se subvencionaron cinco proxectos de libro en lectura fácil. 

Esta liña de axudas nace ao abeiro do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta que busca reforzar con novas iniciativas o gran momento de creación e expansión do sector cultural galego. Así mesmo, o impulso á produción de audiolibros e de libros en lectura fácil tamén se vincula cos obxectivos da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

Comparte