Nova: A Xunta e Galaxia editan a primeira adaptación a novela gráfica do clásico Memorias dun neno labrego para achegarllo á mocidade

31/01/2024

A Xunta e Galaxia editan a primeira adaptación a novela gráfica do clásico Memorias dun neno labrego para achegarllo á mocidade

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación desta nova versión do libro máis lido e traducido da literatura galega

Tamén presentan o volume ‘A música dos Valladares’, que repasa a vida e obra dos membros máis destacados desta familia ullá do século XIX

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia e Editorial Galaxia acaban de presentar dous novos títulos que engrosan a lista de obras publicadas pola editorial viguesa co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades: a primeira adaptación a novela gráfica do clásico Memorias dun neno labrego, de Xosé Neiras Vilas realizada por Iria Aldegunde, e a Música dos Valladares. Retratos de familia, da autoría de Pablo Bernárdez.

Así informou en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que destacou “a importancia de traer á actualidade e adaptar a todo tipo de público lector, especialmente á mocidade, obras como a de Neira Vilas, que ostenta o título do libro máis lido e traducido da literatura galega”.

Dirixido a un público novo, esta innovadora versión de Memorias dun neno labrego traslada a Balbino, o rapaz de aldea máis famoso da literatura galega, ao mundo da banda deseñada a través das ilustracións da compostelá Iria Aldegunde.

O volume únese á longa lista de versións que desde a súa publicación, en 1961, suma o título co que o autor de Gres fundou a narrativa galega contemporánea.

Na presentación tamén participaron, ademais de Valentín García, a ilustradora; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo, e o director de Produción de Galaxia, Xesús Domínguez, ademais da propia ilustradora.

A música da familia Valladares

Respecto ao libro A música dos Valladares. Retratos de familia, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou “a necesidade de dar a coñecer a vida e obra dunha familia tan relevante para a nosa cultura como foi a dos Valladares, que nos deixou un importante legado en diferentes facetas do mundo artístico”.

O volume, no que destacan as ilustracións de Hortensia Fernández, repasa a traxectoria vital e profesional dos irmáns Marcial, Avelina e Serxio a través da súa música. Cunha finalidade divulgativa, presenta textos alusivos á biografía dos compoñentes máis destacados desta numerosa familia ullá do século XIX.

Cada texto vai asociado a unha peza musical e unha ilustración. Ademais, as ditas pezas son accesibles mediante descarga a partir dun código QR, tanto en formato audio, arranxadas e gravadas para a ocasión, como en PDF para as letras e as partituras.

Acompañando a Valentín García tamén estiveron, ademais do autor e a ilustradora, os músicos Cibrán Seixo e Rubén Servide.

 

Comparte