Nova: A Xunta conmemorará o 25 aniversario do pasamento de Torrente Ballester cunha mostra en colaboración coa Biblioteca Nacional

27/01/2024

A Xunta conmemorará o 25 aniversario do pasamento de Torrente Ballester cunha mostra en colaboración coa Biblioteca Nacional

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na ofrenda floral en homenaxe ao ilustre escritor no cemiterio de Serantes

“Queremos homenaxear a un dos autores máis aclamados da súa xeración para amosar que o seu legado segue vivo entre todos nós”, afirma Román Rodríguez

As bibliotecas públicas da Xunta nas cidades galegas programan diversas mostras sobre a figura e pegada do escritor ao longo deste mes e febreiro

Ferrol, 27 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia conmemorará o 25 aniversario do falecemento de Gonzalo Torrente Ballester cunha exposición sobre a súa figura, obra e pegada en Galicia e no conxunto de España. Esta mostra realízase en colaboración coa Biblioteca Nacional de España, a Junta de Castilla y León, os concellos de Salamanca e Ferrol e a Fundación Torrente Ballester.

Comisariada por Darío Villanueva, inaugurarase no verán na Biblioteca Nacional e, posteriormente, será itinerante, chegando a Santiago, Salamanca e Ferrol. Así o confirmou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, tras a ofrenda floral ao escritor no cemiterio parroquial de Serantes, en Ferrol no día no que se cumpre un cuarto de século do seu pasamento. “Queremos homenaxear a Torrente Ballester, un dos escritores máis aclamados da súa xeración en todo o país, para amosar que o seu legado segue vivo entre todos nós, pois a súa obra gozou dun recoñecemento unánime por parte de todo o mundo”, afirmou.

Tras a ofrenda floral, na que participaron familiares e autoridades, os asistentes achegáronse ao salón de recepcións do Concello de Ferrol, onde se proxectou un vídeo da declaración institucional do ano 2024 dedicado a Torrente Ballester. Ademais, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, realizou unha conferencia sobre a figura do escritor, mentres que a soprano Patricia Rodríguez Rico e o pianista Alejo Amoedo deron a coñecer a súa composición Off-Side, en homenaxe a Gonzalo Torrente Ballester, obra do compositor Miguel Brotons.

Durante a súa intervención, Román Rodríguez aproveitou para poñer en valor o papel decisivo que tivo na cultura galega este persoeiro. “O seu é un dos legados máis abraiantes, creativos, prolíficos e innovadores da nosa literatura”, dixo o conselleiro de Cultura. “Torrente Ballester atopou en Ferrol, a súa terra, o imaxinario e a retranca coa que enchería páxinas enteiras da súa obra, ademais dunha mitoloxía que se encargou de divulgar e popularizar entre o gran público”, engadiu.

Programación nas bibliotecas

As bibliotecas públicas da Xunta de Galicia teñen preparada unha programación especial para conmemorar os 25 anos sen Gonzalo Torrente Ballester. Nelas poderase coñecer a figura deste ilustre galego a través de mostras bibliográficas.

Na Coruña, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés terá dispoñible ata o 26 de febreiro a mostra 25 anos sen Gonzalo Torrente Ballester cunha selección de obras escritas por e sobre el. En Lugo, a Biblioteca Pública tamén opta por dar a coñecer a súa obra coa mostra 25 anos sen Torrente Ballester, a que se poderá visitar ata o 23 de febreiro.

Pola súa banda, a Biblioteca Pública Nós de Ourense expón ata o 20 de febreiro a mostra bibliográfica 25 anos sen Torrente Ballester e Os fundamentais de Torrente Ballester, unha mostra dinámica coas lecturas da literatura universal que foron fundamentais para o escritor, dispoñible ata o 10 de febreiro. En Pontevedra, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola tamén conta con dous traballos expositivos: Torrente Ballester: o señor das palabras, ata o 16 de febreiro, e Escribir sen prexuízos: 25 anos do pasamento de Torrente Ballester, ata o 24 de febreiro, coas que buscan incidir na época do homenaxeado en Pontevedra.

A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago ten dispoñible ata o 29 de febreiro a mostra bibliográfica 25 anos sen Torrente Ballester, mentres que a Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo conta co espazo de interese Escribir sen prexuízos: 25 anos do pasamento de Torrente Ballester ata o 5 de febreiro.

Ademais, a Xunta tamén conta cunha programación específica como parte desta efeméride. Isto inclúe un convenio co Concello de Ferrol para a estrea dunha obra de teatro inspirada no autor, a publicación dunha biografía ou mesas redondas sobre a súa obra, así como variadas actividades coa Fundación Gonzalo Torrente Ballester de Santiago.

 

Comparte