Nova: Xunta e AGAPI organizan unha xornada formativa sobre a produción sostible nas rodaxes audiovisuais
18/10/2023
Xunta e AGAPI organizan unha xornada formativa sobre a produción sostible nas rodaxes audiovisuais
O Museo do Pobo Galego acollerá este venres tres relatorios nos que se abordarán os retos e estratexias para a adopción de prácticas sostibles no sector do cinema e a televisión
O encontro insírese na liña de colaboración que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mantén coa Asociación Galega de Produtoras Independentes, dentro da que veñen de levar a cabo o programa pedagóxico ‘Educa Audiovisual’
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023
A Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) organizan este venres en Santiago de Compostela a xornada formativa Produción sostible nas rodaxes para abordar os retos e as principais estratexias cara á adopción de boas prácticas medioambientais e de xestión empresarial na filmación dos produtos audiovisuais.
O Museo do Pobo Galego acollerá os tres relatorios deste encontro, que se desenvolverá entre ás 10,30 e as 14,00 h. Serán impartidos por Silvia Fuentes, da produtora Sétima, quen falará da súa propia experiencia na aplicación do plan de sostibilidade durante a rodaxe de As neves; Rebeca Ros, socia fundadora de Vacaloura Consumo Responsable, que ofrecerá diferentes pautas para conseguir unha produción sostible, e Asia Jarzyna, creadora do software Willco App e coordinadora de produción con case 20 anos de experiencia en producións internacionais, cunha intervención titulada Sostibilidade como un compromiso real na produción audiovisual.
A xornada, de asistencia gratuíta previa inscrición no mail prensa@agapi.gal, busca concienciar as produtoras galegas da importancia de poñer en práctica unha xestión sostible a prol do medio ambiente, pero que tamén se pode traducir nunha redución de custos e nunha mellor imaxe empresarial no mercado nacional e internacional.
Difusión do audiovisual galego nos institutos
Este encontro insírese na liña de colaboración que a Axencia Galega das Industrias Culturais mantén con AGAPI e dentro da que veñen de materializar o programa pedagóxico Educa Audiovisual para a difusión do audiovisual galego e en lingua galega entre o alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato. A primeira edición desta iniciativa levouse a cabo en 11 institutos coa participación de preto de 500 estudantes de entre 4º da ESO e 2º de Bacharelato.
Para o seu desenvolvemento, púxose a disposición dos centros un catálogo dixital con 14 filmes, series, curtas e videogramas de moi diferentes temáticas, co fin de que puideran ser empregados como material de traballo na aula en distintas materias curriculares para favorecer a reflexión e o espírito crítico. A experiencia incluíu tamén coloquios con nove directoras e produtoras, a través dos que o alumnado tivo a oportunidade de coñecer máis polo miúdo as diferentes fases do traballo audiovisual.