Nova: A Xunta e Afundación convidan a descubrir a historia e identidade da Coruña nunha exposición que afonda no seu papel decisivo na cultura urbana de Galicia

12/07/2023

A Xunta e Afundación convidan a descubrir a historia e identidade da Coruña nunha exposición que afonda no seu papel decisivo na cultura urbana de Galicia

A Coruña no tempo é a cuarta das exposicións de Cidades no tempo, proxecto que comprende unha mostra en cada unha das sete principais urbes galegas

O titular de Cultura destaca que é “imposible concibir a Galicia contemporánea sen A Coruña e o seu papel como epicentro cultural e comercial”

Cunha combinación única de escenografías e instalacións interactivas, obxectos, documentos históricos e obras de arte, a mostra comisariada por Manuel Gago co apoio de Rubén Ventureira, amosa unha cidade dinámica e emprendedora

 

A Coruña, 12 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e Afundación (Obra Social ABANCA) presentaron esta mañá a mostra A Coruña no tempo, que poderá visitarse na sede desta última entidade ata o 16 de setembro. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inauguraron co presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, esta exposición, a cuarta das sete que compoñen o proxecto Cidades no tempo, iniciado en 2022 co obxectivo de reivindicar a identidade urbana de Galicia. No ecuador do seu desenvolvemento, a proposta pon o foco nunha das urbes máis decisivas a nivel cultural e empresarial da Comunidade.

Así, o relato expositivo explora a cidade da Coruña desde as súas orixes ata a actualidade cunha combinación única de obxectos de alta cultura e cotiáns, obras de arte e documentos históricos; recreacións virtuais, instalacións e escenografías; mapas, planos, fotografías e publicacións.

Román Rodríguez, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, sinalou durante o acto de apertura que esta serie de exposicións “é moito máis que unha cronoloxía ilustrada da Galicia urbana a través do tempo. É a reivindicación das nosas cidades como polos de identidade e de memoria colectiva”. “É imposible concibir a Galicia contemporánea sen A Coruña e sen o papel fundamental que xogou como epicentro comercial e cultural. Desta cidade emanan algúns dos símbolos e identidades cos que hoxe se recoñece Galicia en todo o mundo”, engadiu.

Pola súa parte, o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, tamén fixo fincapé en que se trata dunha mostra que revela “a importancia da conformación desta urbe dentro da historia atlántica internacional. A Coruña é esa porta de mar á que chegan todas as estradas do Atlántico, unha cidade internacional, cosmopolita e emprendedora”.

A exposición está comisariada polo xornalista e membro do Consello da Cultura Galega Manuel Gago, que contou co apoio do tamén xornalista, coordinador local e xestor Cultural Rubén Ventureira. Nela colaboran preto de 50 cedentes entre institucións de gran relevancia na cidade, coleccións particulares e recoñecidas entidades empresariais. Entre outros, figuran a Biblioteca Pública da Coruña M. González Garcés, a Biblioteca do Real Consulado, o Arquivo Municipal da Coruña, o Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo de Arte Sacro Colexiata Santa María do Campo, Inditex, o Banco Santander ou o RC. Deportivo da Coruña.

Unha cidade dinámica e emprendedora

A Coruña no Tempo aborda a cidade desde diversas perspectivas e a través de distintos enfoques, poñendo nun espazo común a cultura, a economía, a estética, o urbanismo, o lecer e o sentir dunha sociedade dinámica, emprendedora, liberal e marcada polas influencias internacionais que tiveron o porto como punto de entrada. A través de varias pezas afóndase nese marcado carácter marítimo, amosando non só a súa relevancia económica ao longo da historia, tamén no desenvolvemento urbano da Coruña. Neste senso, algúns dos planos máis antigos da cidade dan conta de como ao redor dos proxectos do porto xurdiron outras infraestruturas como os Xardíns de Méndez Núñez.

Tomando a Torre de Hércules como partida, o percorrido lévanos desde a Cidade Vella ás primeiras industrias e grandes iniciativas empresariais privadas­ (Inditex, Estrella Galicia...) e desde a cidade das mulleres (María Pita, Isabel Zendal...) á cidade ilustrada. Moitas das pezas que artellan o relato desta exposición son resultado das investigacións realizadas nos últimos anos e que están transformando o coñecemento do pasado coruñés. Por exemplo, exhíbese un machado de xadeíta —a peza máis antiga da mostra— descuberto nas mámoas de Monte Alberto (Elviña) e que un recente estudo determinou que foi tallado hai 7.000 anos nos Alpes.

Fotografías reproducidas a gran escala, como a que se considera a primeira panorámica da Coruña (Avrillon, 1860), un columbario con 20 bustos representativos da memoria civil que garda a cidade (desde Curros Enríquez a Arsenio Iglesias), os documentos fundacionais da urbe, o primeiro libro que se imprimiu na mesma, o achegamento á súa toponimia a través dun vídeo explicativo, a estética das súas edificacións ou mesmo a recreación da fachada da primeira tenda de Zara (aberta en 1975 na rúa Juan Flórez) son outros dos puntos destacados do percorrido expositivo.

 

Comparte