Nova: A Xunta convoca os premios da Cultura Galega 2023
18/06/2023
A Xunta convoca os premios da Cultura Galega 2023
Os galardóns recoñecen o labor creativo e a súa expansión cara a novos espazos nos campos das Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior
As institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada modalidade dispoñen de dous meses para presentar as candidaturas
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2023 A Xunta de Galicia vén de convocar os Premios da Cultura Galega 2023 en todas as súas modalidades, uns galardóns que teñen por obxecto recoñecer o labor creativo en Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos.
As oito modalidades convocadas son as de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior. As institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada unha delas dispoñen de dous meses para presentar as candidaturas, tal e como se recolle no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes deben presentarse antes do 14 de agosto por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e á mesma engadiráselle os méritos das candidaturas cunha xustificación descritiva.
O xurado que valorará as propostas estará presidido polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades e contará con representación do Consello da Cultura Galega, das universidades, da Real Academia Galega, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, da Xunta de Galicia, a través das áreas de Cultura e Igualdade, e de catro persoas de recoñecido prestixio no eido da cultura, designadas polo Goberno galego.
En cada unha das modalidades, os Premios da Cultura Galega concederán un único galardón e non poderá recaer máis dun recoñecemento na mesma persoa. As persoas propostas como candidatas teñen que estar vivas e os colectivos e entidades deben ter actividade na data de formalización da candidatura. Os seleccionados recibirán como premio unha escultura ou peza conmemorativa realizada por un artista galego de acreditado prestixio e un diploma acreditativo.
Recoñecemento á excelencia creativa
Os Premios da Cultura Galega recoñecen a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia. Na pasada edición, os galardoados foron a escritora Marica Campo, na modalidade de Letras; a historiadora de arte galega María Victoria Carballo-Calero, en Artes Visuais; a actriz Melania Cruz, en Artes Escénicas; os Cursos Universitarios e Internacionais de Música en Compostela, na disciplina de Música;o presentador Xosé Ramón Gayoso, na categoría de Audiovisual; o filólogo e investigador Manuel González, no eido da Lingua; a asociación cultural Xacarandaina, en Patrimonio Cultural, e o programa científico ConCiencia, na modalidade de Proxección Exterior.