Nova: Román Rodríguez anuncia que a Xunta colaborará co concello de Oímbra para reparar os danos provocados polos incendios na capela de Santa Ana

03/03/2023

Román Rodríguez anuncia que a Xunta colaborará co concello de Oímbra para reparar os danos provocados polos incendios na capela de Santa Ana

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades e a alcaldesa visitan o ben no que o Goberno galego investirá preto de 140.000€



A actuación, que estará rematada no último trimestre do ano, inclúe traballos de carpintaría, albanelaría, cantaría e na cuberta

 

Oímbra (Ourense), 3 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia colaborará co Concello de Oímbra para reparar os danos provocados polos incendios forestais rexistrados en agosto de 2022 na capela de Santa Ana. Así o anunciaron hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a alcaldesa, Ana Villarino, nunha visita a este ben na que explicaron que ambas administracións asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo os traballos.

Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, o Goberno galego investirá preto de 140.000€ para recuperar este símbolo do concello ourensán de Oímbra que cada ano acolle a celebración da súa principal romaría. “Ademais de danos medioambientais e perdas económicas, ás veces tamén temos que lamentar destrozos no noso rico e variado patrimonio cultural por mor dos lumes forestais e a nosa obriga é traballar para recuperalo”, afirmou o conselleiro.

No marco deste compromiso co legado patrimonial da Comunidade, porase en marcha unha actuación centrada na reparación das estruturas e da cuberta da igrexa que estará rematada no último trimestre do ano. Para iso, levaranse a cabo traballos de carpintaría, albanelaría e cantaría co fin de recuperar a imaxe deste templo altomedieval incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Segundo a tradición, a capela de Santa Ana, localizada ao carón da Vía da Prata, foi construída para agradecer á santa que os veciños de Oímbra se salvasen da persecución dos exércitos portugueses. Ademais, tal e como se evidencia pola súa estrutura, crese que foi un eremitorio altomedieval. Cada 26 de xuño, a ermida acolle a celebración da romaría de Santa Ana, unha das principais festividades do concello.

Comparte