Restauración das pinturas murais da igrexa do mosteiro de San Salvador de Vilar de Donas

Custo total da operación: 181.500 €

Axuda FEDER: 145.200,00 €

Obxectivo: Aumentar a superficie de edificios ou lugares pertencentes ao patrimonio cultural, de uso principal non turístico, rehabilitados ou mellorados

Situación: Vilar de Donas, Palas de Rei (Lugo)

Temporización: novembro 2017 - agosto 2018

 

Actuación:

A igrexa de San Salvador de Vilar de Doas, en Palas de Rei (Lugo), está protexida polo seu valor cultural ao ter a consideración de BIC. Trátase dunha igrexa románica do primeiro cuarto do século XIII, que formou parte do antigo mosteiro alí situado, pertencente á Orde de Santiago. Ten planta de cruz latina, coa nave principal e o cruceiro rectangulares. A cabeceira é unha ábsida central semicircular e dúas absidiolas que dan á nave transversal. Sobresaen as pinturas murais que decoran a ábsida central como un retablo, que forman un dos conxuntos máis destacados e mellor conservados de Galicia. Trátase dunha creación gótica realizada con motivo do Ano Santo compostelán de 1434, en tempos de Juan II, monarca protector dos peregrinos. No que a aspectos técnicos se refire, percíbese o sinal de polo menos tres autores distintos.

A proposta de intervención persegue a conservación do ben e aumentar ou atractivo deste ben cultural pertencente ao patrimonio mundial, potenciando o seu interese público e a súa función e significación como fito cultural relevante dun amplo territorio e do itinerario cultural histórico. O obxectivo da actuación é promover a protección deste ben e potenciar a súa utilización como recurso, espazo e obxecto cultural, para o cal é preciso procurar a conservación adecuada e sustentable do ben e preservalo para toda a humanidade.

As pinturas están moi deterioradas porque sufriron unha importante degradación pola excesiva presenza de humidade, en parte provocada pola existencia de augas subterráneas. No ano 2014 realizouse a restauración dun sector diferenciado da pintura mural -na zona da epístola- coa finalidade de testar se os procedementos de restauración previstos resultaban os máis idóneos. Despois de testar a estabilización da pintura mural mediante os procedementos de restauración empregados, prográmase a restauración do conxunto mural da cabeceira como a fase final dun proceso que foi preciso desenvolver para non poñer en risco a súa conservación.

Os danos que teñen as pinturas son disgregación de morteiros, cales en superficie, presenza de sales, colonizacións biolóxicas e mesmo a acción antrópica, con intervencións non documentadas que ocasionaron graves danos no conxunto mural.

A operación desenvolverá diversas actuación. Cómpre realizar unha primeira recollida de bordos que permitirá unha suxeición previa á restauración, e terá como obxectivo eliminar estratos de morteiros que cobren de maneira irregular a superficie mural que impide a súa observación. Posteriormente, fai falta eliminar elementos de biodeterioración para despois estabilizar a adhesión entre estratos e destes ao muro, como labor prioritario que asegure a estabilidade do conxunto. A fixación de estratos, así como a reintegración de morteiros e cromática, terá como obxectivo devolver a pintura mural á súa correcta lectura iconográfica. Así mesmo, aplicarase biocida por toda a superficie dos paramentos interiores da igrexa (nave, cruceiro e capelas ou absidiolas do cruceiro) que se mostran afectados por colonizacións biolóxicas.

 

Operación cofinanciada pola Unión Europea

Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020

Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural

Unha maneira de facer Europa