Evento: 4ª Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia 2022 | A biblioteca pública, unha personalidade creativa
4ª Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia 2022 | A biblioteca pública, unha personalidade creativa
Nesta ocasión, o lema da xornada centra a ollada na creatividade. As bibliotecas son lugares nos que se accede ao coñecemento e á información, polo que serven para alimentar a curiosidade e facilitar a investigación. Tamén son espazos seguros e abertos para o lecer e a evasión, e por tanto, para a imaxinación. Ter curiosidade, investigar, imaxinar... son requisitos necesarios para descubrir, innovar e crear, indo máis aló do coñecido. En definitiva, para a transformación e o progreso.
Na xornada compartiranse experiencias e proxectos orientados a propiciar a actividade creadora entre o público infantil e adulto. Ademais, poñeranse en común recursos creativos para a xeración de contidos e a difusión das oportunidades que ofrece a biblioteca, abrindo novas xanelas para a atracción e a participación dos usuarios e usuarias. A xornada pecharase coa entrega do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2022.



