Evento: Before Sunrise (Antes do amencer)
Before Sunrise (Antes do amencer)
Dirección: Richard Linklater; Guión: Richard Linklater, Kim Krizan
Intérpretes: Ethan Hawke, Julie Delpy, Andrea Eckert, Hanno Pöschl, Erni Mangold, Haymon Maria Buttinger Estados Unidos - Austria - Suíza, 1995
Xénero: drama romántico
Duración: 101 min
Para todos os públicos
Jesse, un mozo estadounidense (Ethan Hawke), e Céline, unha moza francesa (Julie Delpy), coñécense nun tren e deciden baixar en Viena e pasar o día xuntos visitando a cidade antes de volver aos seus respectivos países. A premisa é simple e a película tamén: basicamente trata sobre dúas persoas que camiñan e falan. Pero no proceso, entre os diálogos máis reveladores e os máis banais, Céline e Jesse van coñecéndose ata que o filme acaba por converterse nun dos grandes romances da historia do cine. A forza da paixón xuvenil é compensada pola calma na narración, que funciona máis por acumulación de instantes que pola resolución de conflitos dramáticos. Linklater remataría por facer unha triloxía arredor dos dous protagonistas, engadindo capas de complexidade á súa relación en Before Sunset (Antes do atardecer, 2004) e Before Midnight (Antes da media noite, 2013).
O CGAC e o Cineclube de Compostela programan unha nova edición do Cine de Verán. Este ano, no cinema ao aire libre, proxectararase Fóra de contexto. Ciclo de cine turista, dirixido por Cibrán Tenreiro. As noites dos mércores e xoves do mes de xullo a partir das 22:30 h poderase gozar de seis grandes títulos do cinema internacional que ofrecen unha particular mirada arredor da figura do turista e da viaxe.
Máis eventos de tipo Proxección audiovisual