Evento: Flor Novoneyra

Flor Novoneyra
venres, 2 xuño, 2017 a domingo, 15 outubro, 2017
Museo Centro Gaiás,
Santiago de Compostela

Flor Novoneyra

Lamazares constrúe unha antoloxía plástica cos versos de Novoneyra a través dun centenar de cadros nos que emprega o seu Alfabeto Delfín

Flor Novoneyra está formada por máis dun cento de obras nas que Lamazares transcribe versos do poeta do Courel empregando o seu coñecido Alfabeto Delfín, un código inspirado no abecedario occidental que o pintor bautizou co nome do seu pai. A exposición supón, así, un diálogo entre pintura e poesía, o encontro entre o pintor que quería ser poeta, como Lamazares se ten descrito ao longo da súa carreira, co poeta namorado da pintura.

Flor Novoneyra, ademais dos cadros de Lamazares, exhibirá cincuenta caligramas do poeta, considerado un dos introdutores da poesía caligráfica na literatura galega. A través dun espazo sonoro, o visitante reencontrarase tamén nesta exposición coa voz de Novoneyra, considerado un gran dicidor de versos. A mostra complétase con retratos do autor do Courel realizados por Laxeiro, Tino Grandío, Tavera ou Lorente e cunha escolla de exemplares das súas obras.

Producida pola Xunta a través da Fundación Cidade da Cultura, a exposición está comisariada por María Díaz Rey, directora da galería About Art en Pontevedra, e conta coa colaboración da Fundación Uxío Novoneyra a través da implicación da viúva e un dos fillos do poeta, Elba Rei e Uxío Novoneyra. O proxecto representa a proposta da Cidade da Cultura para a programación expositiva do verán e poderá visitarse desde o 2 de xuño ata o 15 de outubro (a mostra acaba de ser ampliada) con entrada de balde. Flor Novoneyra conta co patrocinio do Fondo Gaiás da Empresa Galega.

Máis eventos de tipo Exposición

Mandala (Arc en ciel)
18 de outubro a 7 de setembro
Rúa de Ramón del Valle-Inclán, 5
Mulleres artistas: aprendendo o oficio
11 de marzo a 31 de decembro
Lugar de la Ciudad de la Cultura
Somos un Ribeiro diverso
1 de abril a 31 de decembro
Museo Etnolóxico de Ribadavia