Evento: Festa do Pemento de Herbón
Festa do Pemento de Herbón
A carballeira do Convento dos Franciscanos desta parroquia padronesa é o escenario onde se rende homenaxe desde 1978 aos saborosos pementos que, frixidos e ben sazonados con sal, son os reis das tapas máis típicas de Galicia, entre viandas varias e frituras de peixe. Aquí, tras un vistoso desfile de tractores engalanados, ten lugar o pregón da festa e o nomeamento das novas damas e novos cabaleiros da Orde do Pemento de Herbón. Esta recoñece, ademais, cos seus respectivos medallóns as labores de promoción de entidades, persoas ou establecementos hostaleiros, e incluso a labor realizada no seu cultivo.
Ao longo do día, a organización reparte gratuitamente en torno a 3.000 kg de pementos entre os centos de asistentes, que gozan tamén da degustación de polbo e churrasco nas carpas instaladas á sombra da carballeira.
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular

