Evento: Vaiche boa!
Vaiche boa!
O 21 de febreiro celébrase o Día Internacional da Lingua Materna.
Esta día foi aprobado na Conferencia Xeral da UNESCO no ano 1999 e celébrase en todo mundo desde o ano 2000. O seu obxectivo é resaltar a importancia da diversidade cultural e lingüística mundial.
Unha lingua é algo máis que un medio de comunicación, é fundamental para a identidade, a aprendizaxe, o benestar e a participación na vida social.
As galegas e os galegos temos a sorte de contar cun idioma propio como parte do noso rico patrimonio cultural, que nos permite participar na vida social da nosa comunidade cunha identidade propia.
Parte desa riqueza cultural da nosa identidade maniféstase a través de expresións, refráns, frases feitas ou xiros idiomáticos, difíciles de deducir polo significado das palabras e que, ademais, carecen de tradución literal noutra lingua: aínda por riba!, arre demo!, trapalladas, malo será, miñaxoia...
Con motivo da celebración deste Día Internacional, na biblio recollemos algunhas expresións, palabras e frases feitas propias do galego para que as nosas usuarias e os nosos usuarios sexan conscientes da riqueza do noso idioma e tomen conciencia do importante que é falalo para mantelo vivo.
Segundo datos da propia UNESCO, cada dúas semanas desaparece una lingua, levándose coa súa desaparición toda a identidade, patrimonio cultural e intelectual do pobo ao que pertence.
De verdade imos deixar que todo isto se perda?



