Evento: Mañás poéticas
Mañás poéticas
Nova sesión das Mañás poéticas, unha lectura aberta e libre de textos de diferentes autoras e autores, que no mes de febreiro adicamos ao poeta vanguardista máis destacado da literatura catalana da primeira metade do século XX, Joan Salvat Papasseit.
De vida moi curta e intensa, naceu en 1894, en Barcelona. Especialmente coñecido como poeta, tamén escribiu artigos e manifestos, especialmente na súa etapa máis dedicada a cuestións políticas e sociais, na que mesmo acaba no cárcere durante dous meses, polo seu artigo “Un pueblo, Portugal”.
Quedou orfo con sete anos, cando o pai, fogoneiro de navío, morre nun accidente en alta mar. Pasa a vivir no Asilo Naval Español, instalado sucesivamente en tres corbetas atracadas no porto de Barcelona. Con catorce anos sente unha vocación relixiosa, ao tempo que medra o seu idealismo, que acabará transformándose nun pensamento ácrata. Pasa por distintos empregos, entre os que cobra importancia o de vixilante de madeira no Moll de la Fusta, no porto da súa cidade natal.
Desde moi novo, con só 17 anos, empeza a se interesar pola literatura e a participar en faladoiros intelectuais. Vai deixando a súa etapa combativa e, con 23 anos, empeza a frecuentar un dos puntos importantes da cultura catalá de vangarda, as Caves Laietanas, onde se xuntaba os integrantes do noucentisme, con nomes coma os de Josep Vicens Fois, Jsep Maria Junoy ou Joaquim Folguera.
En 1917 publica o seu primeiro poema e decántase polo que denomina “Divina Acracia”, o que significa que comeza a se desvencellar dos movementos políticos. En 1918 casa e tamén contrae unha gripe, que lle deixará como secuela unha tuberculose, que acabará por o levar á morte.
En 1919 nace a súa primeira filla, o que o leva a publicar contos infantís na revista La Mainada. En 1923 nace a súa segunda filla e publica o seu libro máis importante, El poema de la rosa als llavis.
En 1924 morre a súa segunda filla e a súa tuberculose entra nunha fase crítica, da que falece o 7 de agosto.
En 1925 aparece, nunha edición póstuma, o seu libro Óssa menor, ao que pertence “Nocturn per a acordió”, reproducido no monumento que se encontra no Moll de la Fusta, en lembranza do seu traballo aló.
Na Sala de traballo A do terceiro andar. A entrada é libre ata un máximo de 15 participantes



