Evento: Arte, memoria e museos
Arte, memoria e museos
Galicia foi o primeiro territorio de España onde se levou a cabo unha musealización da memoria e produciuse no Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, declarado BIC o pasado 26 de setembro de 2025. Aínda que isto comezou o camiño da reconciliación discursiva que alí se facía, co paso dos anos, Galicia non recibiu ese recoñecemento que merece na musealización da memoria, non se valorou desde esta perspectiva conxunta, quizais por mor da falta de liñas estratéxicas e plans de actuación. Aínda así, a estrutura museística que se intercala no territorio – e que de forma progresiva foi rescatando figuras e legados – é incuestionable e este panorama institucional outórgalle a Galicia un liderado na musealización da memoria. Dita hexemonía convértea no lugar por excelencia desde onde reflexionar e idear plans estratéxicos e liñas futuras de actuación que marquen o rumbo dos museos e a memoria.
Así pois, no marco da citada declaración BIC do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, e lembrando a Isaac Díaz Pardo a quen se lle dedica o Día das Artes Galegas este ano, o Museo Provincial de Lugo organiza este encontro seguindo o ronsel da xornada "A arte do exilio galego no Museo Provincial de Lugo", realizada no 2023, revitalizando aqueles obxectivos, e levarase a cabo na Sala Multiusos do Museo.
Máis información do Encontro, do contido e a inscrición, nesta ligazón do Museo Provincial de Lugo.
Dirixido e coordinado por Aurelia Balseiro e Inmaculada Real, o programa é o seguinte:
16:00 h. Presentación da xornada: Iria Castro, Deputada Delegada de Cultura da Deputación de Lugo; Aurelia Balseiro Garcia e Inmaculada Real López, coordinadoras.
16:15 h. Conferencia marco: As formas do exilio. Arte, ideas e política en Galicia. Juan Manuel Monterroso Montero, director do departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.
17:15 h. Presentación do libro Musealizar el arte del exilio gallego (USC, 2025). Inmaculada Real López, Universidade Complutense de Madrid.
17:45 h. Palestra Reflexións cara o devir da memoria nos museos. Ángeles Tilve Jar, Directora do Museo de Pontevedra; Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, Director do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital; e Aurelia Balseiro García, Directora do Museo Provincial de Lugo.
19:45 h. Visita técnica guiada á sala monográfica de Castelao, por Victoria García Soengas, e á exposición "Os homes, por Castelao na colección Roberto Taboada", polos seus comisarios Xoán Pastor Rodríguez Santamaría e Aurelia Balseiro García.
20:00 h. Conclusións e Debate.
20:30 h. Clausura.


