Evento: Non é unha canción
Non é unha canción
Con Non é unha canción, a compañía busca abrirse a un xeito de traballar onde a intuición, o xogo e o inconsciente teñan un rol principal. Experimentan co humor absurdo e existencialista para reivindicar unha forma de estar no mundo improdutiva e inútil, porque pensan que no século XXI non hai nada máis antisistema que perder o tempo.
Unha serie de preguntas guiaron o proceso de creación do seu novo espectáculo: se no escenario puidésemos facer o que realmente quixéramos, sen ningún tipo de limitación, cales serían as nosas fantasías máis salvaxes? Que sucede cando os universos creativos de dúas persoas teñen que confluír para materializarse? Como chegamos a acordos para reflectir as nosas inquedanzas comúns e individuais? Como podemos sorprendernos e chegar a lugares fóra da nosa zona de confort como creadoras?
Dentro desta deriva, apareceron dúas temáticas principais: a relación que temos coa tecnoloxía e o universo estético das vacacións masificadas. En moitos casos, a nosa relación coa tecnoloxía está tinguida por certa violencia de baixa intensidade. Se unha intelixencia artificial pode escribir un diálogo, substituír a cara dunha actriz nun filme pola miña, ou deseñar unha coreografía, cal é o futuro do meu sector? Está claro que hoxe en día o rápido desenvolvemento tecnolóxico provoca certa inseguridade e inquedanza. Porén, outras cuestións relacionadas coa nosa percepción do que é ‘real’ tamén agroman no debate. Que lugar queremos que ocupe a tecnoloxía na nosa sociedade e a que lugares non deberiamos renunciar?
Máis eventos do ciclo Rede galega de teatros e auditorios

