Evento: Crear porvir. 75 anos da Editorial Galaxia
Crear porvir. 75 anos da Editorial Galaxia
A Editorial Galaxia leva acompañándonos arredor de 75 anos, e dende a Biblioteca Pública Ánxel Casal queremos conmemoralo cunha mostra bibliográfica que amose as coleccións e as autoras e autores que interviron no seu éxito editorial.
Non faltarán nesta mostra as obras que marcaron os inicios e selaron a traxectoria dunha das editoriais punteiras do país. Falamos dalgunhas tan relevantes como Antífona da cantiga, primeira obra publicada pola editorial, ou a tradución de O Principiño realizada por Carlos Casares, primeira achega á tradución da autores clásicos e contemporáneos.
O camiño que Galaxia tivo que seguir ata chegar á actualidade foi complexo. Naceu o 25 de xullo de 1950 no Hotel Compostela, onde se reuniron persoeiros simpatizantes do galeguismo. Entre eles, Ramón Otero Pedrayo quen presidiu a asemblea fundacional de Galaxia construíndo un vínculo coa xeración Nós.
Galaxia xorde como unha sociedade mercantil anónima, co obxectivo de sortear a ditadura e crear así unha ferramenta político-cultural da nación galega. Desta primeira etapa fundacional destacan Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla e Ramón Piñeiro. Eles foron os principais orientadores, comprometéndose con esa promoción da cultura galega nos tempos difíciles da ditadura.
Durante esta primeira etapa aparece xa a revista Grial, que comezou sendo un suplemento do xornal compostelán La Noche que, infelizmente, tivo unha breve duración, de setembro de 1949 a xaneiro de 1950. A Dirección Xeral de Prensa e Propaganda do réxime que naqueles anos dirixía Juan Aparicio, da ala máis radical da Falanxe, prohibiuno. Por sorte Grial recuperouse de forma periódica como revista no ano 1963 e acompáñanos ata hoxe.
A segunda etapa da editorial establécese nos anos 60. Nesa época xurdiu unha fervenza político-cultural, que orixinou unha modernización literaria e da novela, situación á que Galaxia responderá enerxicamente. Exemplo disto é o labor de Xaime Isla, quen sufraga a colección Illa Nova, destinada a ter un recuncho onde a mocidade poida publicar. Ou a Colección Salnés que xorde coa motivación de renovar a literatura galega e na que Celso Emilio Ferreiro publicará a súa inesquecible e necesaria Longa noite de pedra. O devir de Galaxia a través deste contexto levounos a publicar tamén composicións musicais mediante o selo Edigsa, onde acolleron ao colectivo Voces Ceibes.
A terceira etapa de Galaxia ábrese coa chegada de Carlos Casares no 1985, quen se manterá no cargo ata o 2002, ano da súa morte. Carlos Casares será o promotor dunha serie de coleccións coas que atraer ao público infantil e xuvenil. É o momento da aparición da colección Árbore, dirixida aos máis cativos, e a colección Costa Oeste para o público xuvenil. As dúas son coleccións vivas que chegan ata os nosos días.
Coa chegada dos anos 2000, prodúcese un cambio na editorial para pasar a ser unha empresa cultural, con proxectos diversos que non están tan circunscritos á empresa do libro. Exemplo dese cambio é a produción do filme A Esmorga, que no 2014 reviviu na gran pantalla a mítica novela de Eduardo Blanco Amor.
Galaxia ensaia tamén outras fórmulas atopando o punto medio entre o libro e novos formatos, como no caso da colección Sonárbore que permite ler e escoitar música. Desta colección destacan os libros de María Fumaça. Inda así, segue a estrear novas coleccións que seguen ligadas ao formato do libro tradicional, como o foi Feminismos.
Ao longo deste percorrido, Galaxia tivo que superar unha serie de desafíos e no día de hoxe terá que afrontar outra man deles, probablemente. Por iso queremos salientar tamén aquí o reto xeracional que supón atoparse con menos lectoras e lectores en galego e un abandono xeral dos hábitos de lectura por outras formas de lecer. Dende a biblioteca queremos facer noso ese reto e, por iso, esperamos crear porvir con estas lecturas.
A mostra inclúe un posto de visionado onde é posible desfrutar do documental 'Crear Porvir. 75 anos de Editorial Galaxia', un filme documental producido e realizado por Nós Televisión en colaboración con Galaxia, que viaxa a través de máis de sete décadas da nosa historia para reflexionar e compartir a historia e os valores dunha das institucións culturais máis emblemáticas do noso país.
Pode visitarse no vestíbulo durante o horario de apertura da biblioteca.