Evento: III Xornadas "Falemos do futuro da vitivinicultura galega"
III Xornadas "Falemos do futuro da vitivinicultura galega"
Tras a grande aceptación das anteriores xornadas, o Museo do Viño de Galicia volve convocar unhas xornadas que pretenden establecer un marco de reflexión e diálogo co sector do viño sobre o futuro da vitivinicultura galega. Nelas participarán diferentes axentes do sector, dende a viticultura ata a fabricación de rollas, pasando pola enoloxía e a historia.
A organización destas xornadas contará coa participación da Asociación de Viticultura Artesá de Galicia, a Asociación de Colleiteiros do Ribeiro e a Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico de Ribadavia. A entrada é de balde, ata completar o aforo.
A identidade dun territorio vitivinícola.
Esta xornada abordará a visión sobre o concepto de identidade nun territorio vitivinícola: as súas características físicas e culturais, aquilo que o diferencia e singulariza. Asi mesmo, definirase o concepto e a importancia da viña como unidade de expresión e calidade dun viño, e a diferenza entre unha variedade de uva e o territorio. Como pano de fondo, estará presente a clasificación dun territorio vitivinícola baixo criterios de calidade, compromiso e responsabilidade.
O programa ao longo do día é o seguinte:
- 9:30 h. "A viña como proxecto de vida. Ao meu xeito". Por José Luis Mateo, viticultor e produtor en Quinta da Muradella
- 10:30 h. "O que importa". Visión dunha sommelier sobre o futuro do viño en Galicia: territorio ou variedade?. Por Carlota Iglesias Vázquez, sommelier no restaurante Cabanas, Premio Madrid Fusión Juli Soler ao Talento e Futuro do Viño.
- 11:30 h. Descanso café
- 11:45 h. '"O auxe dos territorios vitivinícolas en Cataluña: zonificación vs variedade de uva". Por Sergi Montala, sommelier e propietario de Stones Vins.
- 12:30 h. "Como entender un viño: o territorio si que importa”. Por Marta Cortizas, sommelier do restaurante Celler de Can Roca, mellor Sommelier de España 2025.
- 13:30 h. Mesa redonda: "O mundo do viño: está en crise? Que busca o consumidor: a variedade de uva ou o territorio? Como vos gustaría que fose o futuro do viño en Galicia? Que ocorre no Ribeiro? Cara a onde vai?
- 14:30 h. Xantar
- 17:00 h. Percorrido polo territorio vitivinícola, proxectos e variedades.