Evento: Nada se sabe

Nada se sabe
venres, 14 marzo, 2025 - 20:30
Auditorio Municipal Gustavo Freire,
Lugo
Esta coprodución do Centro Dramático Galego con Culturactiva, unha das principais dinamizadoras do teatro inclusivo, aborda o tema da discapacidade.

Dúas actrices e dous actores cuestionan sobre o escenario a inclusión e a xestión da diferenza que facemos como sociedade. A premisa da que parte Nada se sabe é un texto orixinal de Manuel Lourenzo no que se establece un diálogo coa figura clásica de Filoctetes, un heroe grego apartado na illa de Lemno a causa dunha ferida fedorenta, pero que despois será fundamental para gañar a guerra de Troia. A través desta pasaxe histórica, resignifícanse eses textos desde a diversidade, advertindo ao público e á sociedade de que Nada se Sabe sobre o que as persoas con discapacidade son, pensan, senten, queren, e da posición que desexan ocupar na vida, na sociedade e na arte.

Trátase dunha proposta inclusiva e diferencial no contexto teatral galego, polo tema e o elenco, pola delicada selección musical, pola mestura de linguaxes e por estar formulada como un reto dirixido á audiencia e como unha dúbida metódica que lle dá nome ao espectáculo.

A cargo da dirección están Ignacio García, experto en pedagoxía do teatro, e un dos directores de escena máis relevantes a nivel estatal e europeo, cunha ampla experiencia no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro e no Teatro Español de Madrid; e Fran Rei, actor cómico, autor de guións e director teatral, que nos últimos anos vén desenvolvendo un traballo constante de integración social a través do teatro con colectivos de persoas con discapacidade desde Culturactiva.

Elenco: Corina Alfonso Mañá, Rubén Bargiela Sierpes, Alba Chao García, Elvis García Torres.

 

 

Máis eventos do ciclo Rede galega de teatros e auditorios

Compaña
10 de maio, 12:30
Teatro Principal - A Estrada - Pontevedra
Moby Dick
10 de maio, 18:00
Fórum Metropolitano - A Coruña - A Coruña
As fillas bravas de Momán
10 de maio, 20:00
Aula Municipal de Cultura - Betanzos - A Coruña
Castelao
11 de maio, 12:30
Teatro Jofre - Ferrol - A Coruña