Axudas, subvencións e bolsas : Axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos
Axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos
O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 3 de xullo
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o xoves 4 de xuño as axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios que este ano están dotadas con 200.000 euros, o que supón un incremento do 18% con respecto aos anos anteriores. O prazo para que as editoriais poidan solicitar as axudas estará aberto ata o 3 de xullo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Poderán acollerse a esta orde os proxectos didácticos curriculares editados en lingua galega e quedará excluída a edición de material didáctico para o nivel universitario, os libros de bibliófilo, as publicacións de difusión gratuíta, as obras que non sexan primeira edición, os proxectos con contidos idénticos aos xa subvencionados nalgunha das tres últimas convocatorias, os libros publicados por clubs do libro ou entidades similares, e os libros de creación literaria, dicionarios e enciclopedias.
Tres parámetros
Os proxectos editoriais presentados serán valorados en función de tres parámetros: a orixinalidade da obra, súa calidade e o feito de que se trate de materiais curriculares destinados exclusivamente ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ou á formación profesional específica. No caso do orixinalidade, terán prioridade os traballos de creación propia, mentres que no parámetro da calidade medirase a adecuación dos materiais didácticos ao currículo en función das actividades propostas, da relación dos contidos cos intereses e coñecementos do alumnado, do tratamento dos valores democráticos, da adecuación á realidade galega, da calidade de lingua e da adaptación desta ao nivel académico do estudantado
O obxectivo desta convocatoria da Xunta de Galicia é garantir unha oferta ampla e con calidade científica e pedagóxica de material educativo en galego no ensino regrado, de xeito que –ao tempo que se favorece o tecido da industria editorial galega- se facilite o uso vehicular desta lingua nas aulas e a aprendizaxe no idioma propio de Galicia por parte do alumnado.
Estado de tramite: En trámite