Aviso: Nova recolección do dominio .gal

Nova recolección do dominio .gal

A Biblioteca de Galicia e a Biblioteca Nacional de España, en colaboración con PuntoGal, gardan o patrimonio dixital galego na Internet para o futuro. 

A Biblioteca Nacional de España ven de completar por sexto ano consecutivo a recolección masiva do dominio .gal. Este importante traballo de preservación do noso patrimonio dixital realizouse de novo coa cooperación da Biblioteca de Galicia e da Asociación PuntoGal.

As recoleccións masivas supoñen o arquivado xeral dun dominio que, realizándose de maneira anual, dan unha visión panorámica sobre a evolución e crecemento deste, a través dos anos.

Nesta edición incorporáronse 6.525 dominios fornecidos pola Asociación PuntoGal, que o mantén desde a súa creación en 2014. Respecto do ano pasado o número de sitios web .gal incrementouse nun 6,62%.

Do total de dominios colleitados, o 33 % deles gardouse completamente, mentres que o resto alcanzou o tope de 150 MB por dominio, límite que se establece para este tipo de recoleccións masivas. Con estes parámetros, gardouse un total de 285 GB de información.

O robot Heritrix, o mesmo que se encarga do arquivado de sitios web para o Arquivo da Web Española, comezou o rastrexo dos 6.525 dominios .gal o 26 de outubro, finalizándoo en tan só 14 horas despois. Os avances tecnolóxicos permiten que este proceso se vaia acurtando ao longo dos anos. A primeira recolección do .gal en 2017, que se fixo sobre 4.261 dominios, case 2.300 menos que neste ano, tardou tres días en realizarse.

Desde a entrada en vigor do Real Decreto 635/2015, do 10 de xullo, polo que se regula o depósito legal das publicacións en liña, e no marco do Consello de Cooperación Bibliotecaria, os centros de conservación das comunidades autónomas (os competentes en materia de depósito legal) e a Biblioteca Nacional de España colaboran para a construción e xestión dun depósito legal colaborativo. Nese ámbito de colaboración creáronse colecciones web de alcance e temática autonómica que xestionan os propios centros de conservación. Para a nosa Comunidade Autónoma ese centro é a Biblioteca de Galicia.

 

Esta recolección masiva do dominio .gal -unida á conservación do dominio .es, realizado desde 2016, ou do dominio .cat, incorporado por primeira vez este ano- permiten ofrecer á Biblioteca Nacional de España, e aos centros de conservación autonómicos que colaboran con ela, unha completa representación sobre o patrimonio cultural español na Internet, que será clave para o estudo da nosa sociedade no futuro.

Documentos relacionados

Comparte