Nova: O Día da Ilustración 2023 homenaxeará á pintora galega María Antonia Dans

09/11/2022

O Día da Ilustración 2023 homenaxeará á pintora galega María Antonia Dans

A decisión consensuouse nun encontro mantido entre o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, con representantes da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e das escolas de Arte e Superior de Deseño

A artista iniciou a súa formación na Coruña da man de Lolita Díaz Baliño e a súa obra está representada en edificios oficiais e públicos, no Museo de Arte Contemporánea de Madrid, en todos os de Galicia e nun bo número de provincias de España

Trabállase agora para poñer en marcha distintas actividades que se realizarán o ano que vén para valorizar o seu traballo no marco desta cita, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración cos profesionais da ilustración

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022

O Día da Ilustración de 2023 homenaxeará o vindeiro ano á galega María Antonia Dans Boado, pintora que iniciou a súa formación na Escola de Artes e Oficios da Coruña da man de Lolita Díaz Baliño -homenaxeada o ano pasado- e que na súa extensa carreira profesional destacou por ser un referente no neoexpresionismo, polo protagonismo dos escenarios galegos nas súas obras e polo seu estilo ás veces cualificado de naif.

 

A decisión foi consensuada hoxe nun encontro mantido entre o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, con representantes da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e das escolas de Arte Superior e Deseño. Como indica o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, a elección da pintora coruñesa supón “valorizar, promover e divulgar o gran legado que a artista deixou en Galicia e fóra dela, con pezas en numerosos paradores de turismo, edificios oficiais e públicos así como representada no Museo de Arte Contemporánea de Madrid, en todos os de Galicia e nun bo número de provincias de España”. 

 

Anxo M. Lorenzo destacou, ademais, outros proxectos nos que se están a traballar para a súa posta en valor, como a rehabilitación e musealización que a Xunta de Galicia impulsa na casa que a pintora ten no concello de Curtis. Tras a reunión de hoxe, avanzou que se comeza a perfilar a programación e as distintas actividades para divulgar o seu traballo no marco do Día da Ilustración 2023.

 

Referente do neoexpresionismo

María Antonia Dans Boado naceu en Oza dos Ríos, pero axiña a súa familia se trasladou a Curtis. Tras casar, trasladouse a principios dos 50 a Madrid, onde viviu o resto da súa vida e asistiu ás clases do Círculo de Belas Artes e á Escola de San Fernando. Comezou a expor en 1950 na Coruña e en Madrid fíxoo por primeira vez en 1953. Desde entón a súa obra percorreu toda España e numerosos países estranxeiros xa que a invitou o Goberno español a importantes mostras colectivas, especialmente a París, onde se lle concedeu a medalla da vila, e no Museo de Arte Contemporánea obtivo esa máxima distinción.

 

Tamén acudiu ao premio da Fundación March, obtivo bolsas de viaxe dos ministerios de Asuntos Exteriores e Educación Nacional, así como premios e medallas das deputacións e concellos de Córdoba, Badaxoz ou Alacante, entre outras. A pintura de María Antonia Dans, ás veces cualificada de naíf é, en realidade, un neoexpresionismo de raíz deliberadamente inxenuista, emparentado cos modos de bordado popular. As súas paisaxes son elementais, con algo de mosaico.  As faenas do campo e o mundo do mar son temas habituais nas súas obras.

 

Longa lista de premiados

O Día da Ilustración forma parte do Calendario do libro e da lectura de Galicia desde o ano 2014 e toma como data de referencia a do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. É unha iniciativa da Consellería de Cultura en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

 

Este día quere servir para lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na cultura galega, homenaxeando un autor que teña contribuído a consolidar e a tecer a historia da ilustración do noso país. O nome de María Antonia Dans súmase así aos de Lino González Rubido, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño, Federico Ribas, Cándido Fernández Mazas, Lolita Díaz Baliño e Reimundo Patiño, que recibiron recoñecemento nos anos anteriores.

Comparte