Nova: O Salón Teatro de Santiago acolle a estrea de Unitarias

27/02/2015

O Salón Teatro de Santiago acolle a estrea de Unitarias

Dirixido por Jorge Algora, o documental analiza o papel das escolas do rural a través da experiencia vital e profesional do mestre Alberto Sacido

Contou para o seu financiamento con 33.361 euros concedidos a través da convocatoria de axudas de 2013 para a produción de longametraxes en galego
 

  • Cartel do documental Cartel do documental
  • Cartel do documental Cartel do documental

Santiago, 27 de febreiro de 2015.- O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle mañá sábado 28 de febreiro, ás 18:00 horas, a estea do documental ‘Unitarias. Historia dun mestre galego‘, realizado por Adiviña Producións e cofinanciado pola Consellería de Cultura e Educación a través das subvencións da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Valéndose da experiencia vital e profesional do mestre José Alberto Sacido Romero e baixo a dirección de Jorge Algora, ‘Unitarias’ analiza o pasado e o presente do ensino nas aldeas e o papel que xogan as escolas unitarias como símbolo dunha educación integradora e como ferramentas para o asentamento da poboación no rural.

O documental narra a traxectoria profesional de Sacido desde 1960 —cando aproba as oposicións e ten como primeiro destino unha escola en Lousame onde se atopa cunha aula chea de nenos e nenas de entre 6 e 12 anos e cuns recursos educativos mínimos—ata a actualidade, pasando polos cambios impulsados pola lei de 1970 e pola loita das unitarias por sobrevivir facendo valer a súa función social máis alá do labor estritamente pedagóxico.

Ao tempo, preséntase a realidade dun país que evoluciona desde o analfabetismo á cultura dixital, dende a ditadura á democracia e que, ademais, ten que se encaixar dentro dos distintos marcos legais. Reflíctense, así mesmo, as achegas doutros mestres e especialistas en educación, que dan tamén o seu punto de vista sobre os retos que enfronta hoxe o ensino: a autoridade do profesor, a segregación por sexo, os cambios de sistema educativo, os modelos de ensino das linguas, etc.

Fomento do sector audiovisual
Ao proxecto da produtora galega Adiviña concedéronselle en 2013 un total de 33.361 euros procedentes das axudas da Agadic á produción audiovisual en lingua galega con decidido contido artístico e cultural, convocatoria anual promovida pola Xunta de Galicia para fomentar o tecido industrial do sector audiovisual galego a través do apoio a propostas de valor cinematográfico, cultural e social.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañarán mañá o equipo de ‘Unitarias’ na proxección de estrea, á que tamén asistirá unha nutrida representación da comunidade educativa de Santiago e dos concellos de Vedra, Boqueixón, Teo, Lousame, Serra de Outes ou Noia, onde se situaron as principais localizacións para a gravación da fita.
 

Comparte