Nova: A Xunta e Afundación exhiben na mostra ‘Santiago de Compostela no tempo’ o libro máis antigo conservado en Galicia tras 20 anos sen saír da biblioteca universitaria da USC

02/06/2022

A Xunta e Afundación exhiben na mostra ‘Santiago de Compostela no tempo’ o libro máis antigo conservado en Galicia tras 20 anos sen saír da biblioteca universitaria da USC

Trátase do ‘Libro de horas de Fernando I’, pertencente á Universidade de Santiago e datado en 1055 que se poderá ver no marco do proxecto ‘Cidades no tempo’

A peza, protexida en cámara forte na Biblioteca Universitaria, poderá contemplarse só durante un mes na exposición organizada pola Xunta, a través da Cidade da Cultura, e Afundación

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, recibiu na sede de Afundación  en Santiago, xunto co director xerente desta entidade, Pedro Otero, e o reitor da universidade compostelá, Antonio López, unha das pezas máis valiosas do patrimonio bibliográfico galego: o Libro de horas de Fernando I, datado en 1055.  

Con toda probabilidade trátase, segundo os especialistas, do libro máis antigo que se conserva en Galicia e formará parte da exposición Santiago de Compostela no tempo, que se abre ao público mañá venres á tarde.

A súa exhibición resulta excepcional xa que esta peza sae por primeira vez en máis de 20 anos da Biblioteca América da Universidade de Santiago, no Colexio de Fonseca, onde se conserva nunha cámara acoirazada para garantir a súa seguridade. Santiago de Compostela no tempo será, polo tanto, unha oportunidade para apreciar esta xoia anterior ao Códice Calixtino.

A directora da Biblioteca Universitaria, María Isabel Casal, e o comisario da exposición, Manuel Gago, explican que a última vez que se puido contemplar foi nunha exposición organizada polas bibliotecas universitarias españolas no 2000 no propio recinto do Pazo de Fonseca. Anteriormente tense constancia do seu desprazamento nos 80 a unha mostra en Nova York.

Por motivos de conservación, a súa estancia na exposición limitarse a un mes, período tras o que será substituído por un facsímile ata o remate da mesma en setembro.

 
 
Agasallo da raíña Sancha

O Libro de horas de Fernando I foi un encargo da raíña Sancha a modo de agasallo para o seu marido, Fernando I de Castela, no marco dunha estratexia de lexitimación dos seus dereitos, cuestionados pola aristocracia.

 

O manuscrito contén textos litúrxicos, musicais e unha rica iluminación, destacando unha escena onde a raíña ordena ao escriba a entrega do libro ao seu consorte. Segundo apunta Manuel Gago, é un dos primeiros testemuños da linguaxe formal románica e da espiritualidade medieval privada.

Santiago de Compostela no tempo

Santiago de Compostela no tempo é a primeira das sete mostras dun amplo proxecto expositivo, Cidades no tempo, que afondará na cultura e identidade de cada unha das sete principais urbes galegas.

 

Este venres inaugúrase a exposición na sede de Afundación, na rúa do Vilar, onde poderá ser visitada ata setembro, sendo unha experiencia única para facer un percorrido pola cidade a través de documentos históricos, fotografías, ilustracións e obxectos de alta cultura e gran valor que acompañan ao Libro de horas de Fernando I.

Comparte