Nova: O libro ‘Mamasunción’ repasa o proceso creativo de Chano Piñeiro co apoio da Xunta de Galicia

13/10/2021

O libro ‘Mamasunción’ repasa o proceso creativo de Chano Piñeiro co apoio da Xunta de Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da obra do director e guionista Pedro Sancho

Vigo, 13 de outubro de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación do libro Mamasunción. Como facer unha película a través da mirada de Chano Piñeiro, do director e guionista Pedro Sancho. “Unha obra –explicou o representante da Xunta de Galicia–que descubre unha parte moi importante de Chano Piñeiro e da súa forma de facer cine en galego. O deseño e a planificación dunha película rodada na nosa lingua que xa forma parte da historia de Galicia”.

Na presentación, celebrada esta tarde no Museo do Mar de Galicia, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade estivo acompañado polo autor do libro, pola viúva de Chano Piñeiro, Mari Luz Montes, e pola directora do museo, Marta Lucio.

Chano Piñeiro, director e guionista da primeira longametraxe en galego, Sempre Xonxa, foi tamén o principal impulsor do cine en lingua galega. Coa súa famosa curtametraxe, Mamasunción, marcou un fito na historia do audiovisual galego inaugurando as emisións da Televisión de Galicia o 24 de xullo de 1985. Agora, 26 anos despois do seu prematuro pasamento, Edicións Fervenza, en colaboración coa Xunta e o Festival de Cans, o libro Mamasunción. Como facer unha película a través da mirada de Chano Piñeiro repasa o proceso de creación deste filme. O obxectivo é converterse nunha guía de consulta para os profesionais ou afeccionados do audiovisual que queiran aprender a facer cine, amosando tanto como facía cine Chano Piñeiro a través da súa obra Mamasunción como ensinando e desagregando parte por parte o proceso de creación dunha curtametraxe.

Acompañado por manuscritos e storyboards orixinais do puño e letra de Chano Piñeiro, este libro é, en definitiva, unha guía sinxela pero moi útil para entender todo o proceso que comprende a elaboración dunha película, desde o nacemento da idea ata a súa distribución, a través do proceso que seguiu en 1984 o director pontevedrés para crear a curta máis representativa da Galicia rural.

O autor

Pedro Sancho (Vigo, 1982) é arquitecto pola Universidade da Coruña, pero enfocou os seus estudos posteriores na dirección do cine co Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo, o Máster en Formación Artística pola UB e o Máster en Cine e Televisión pola Universidade Carlos III de Madrid.

Guionista e director, rodou a súa primeira curtametraxe en 2009. No 2015, a súa curta Pato extraterrestre foi adquirida por L´Agence du Court Métrage francés para proxectarse nos cines de Francia como pase previo de Magical Girl, de Carlos Vermut. En 2018, HBO USA Latino mercou a súa peza La Madrina para formar parte do catálogo permanente desta plataforma dixital. Na actualidade é profesor da Escola de Arte Superior de Deseño Mestre Mateo en Santiago de Compostela.

Comparte