Nova: ‘Escenas do Cambio’ despídese con cheo absoluto no xuízo real a Hamlet e xuntando a tres dos mellores contacontos galegos

07/02/2020

‘Escenas do Cambio’ despídese con cheo absoluto no xuízo real a Hamlet e xuntando a tres dos mellores contacontos galegos

Un equipo xudicial en activo xulgará hoxe o personaxe de Shakespeare na Facultade de Dereito, onde o público exercerá de xurado popular

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, puxo a este festival como exemplo do compromiso do departamento que dirixe coa creación contemporánea, tanto galega como internacional

Esta edición pecharase mañá sábado cunha peza con monicreques de Gisèle Vienne e cunha sesión de contacontos de Quico Cadaval, ‘Guti’ e Celso Fernández Sanmartín, que tamén cociñarán para as e os asistentes

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2020.- Escenas do cambio -o Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura- despide esta fin de semana a súa sexta edición cun cheo absoluto na peza de hoxe do dramaturgo catalán Roger Bernat Please, continue (Hamlet), na que se someterá a un xuízo real o personaxe de Shakespeare cun equipo xudicial en activo e no que os espectadores exercerán de xurado popular.

A obra representarase ás 20,30 horas na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela e contará no equipo xudicial en activo con Ángel Pantín, presidente da sala compostelá da sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña; con Antonio Roma, ex fiscal da área de Santiago e actualmente coordinador de xustiza no Programa de Cooperación de Loita contra a Criminalidade organizada en América, e co avogado Jesús Alonso.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez González, asistirá á representación desta obra de Escenas do cambio, festival que puxo como exemplo do compromiso do departamento que dirixe coa creación contemporánea, “tanto no apoio a compañías e artistas galegos, como na posibilidade de exhibir en Galicia pezas de alto valor artístico da escena internacional”.

Esta peza non foi a única de Escenas do cambio 2020 que encheu todas as súas localidades, ocorreu o mesmo con Caderno de vacacións de Los Bravú; Ahora bailo yo, de Leonor Leal; M/others, de Eszter Salamon; Légend, de Romain Teule; e tamén coa de mañá sábado Tres vellas (polo menos).

Estrea absoluta galega con todas as entradas vendidas

Precisamente, o festival pecharase mañá sábado con esta estrea absoluta que reúne nun mesmo escenario a tres dos mellores narradores orais de Galicia: Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e Luís Gutiérrez Guti. Estes coñecidos contadores ofrecerán un orixinal espectáculo no que revisitarán e recompilarán as historias cotiás e de vida das nosas avoas e cociñarán ‘in situ’ unha cea para os e as asistentes.

Antes desta sesión, a Cidade da Cultura ofrece a posibilidade ver por vez primeira en Galicia a coñecida peza Jerk, da artista francesa Gisèle Vienne. Un obra baseada nunha novela de Dennis Cooper, quen se inspirou no caso real dun asasino en serie de Texas e na que se afonda na psique do personaxe a través dun actor-ventrílocuo con monicreques.

Colaboración internacional e venda de entradas

Ao igual que en todas as súas edicións, Escenas do cambio 2020 contou cunha rede de colaboradores: o INAEM, o Instituto Camões de Portugal en Vigo, o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago (USC).

Toda a información da programación de Escenas do Cambio 2020 está na páxina da Cidade da Cultura de Galicia -www.cidadedacultura.gal- e tamén na do festival www.escenasdocambio.org-.

Comparte