Nova: A 'Santa' de Francisco Asorey, en Galicia

08/10/2019

A 'Santa' de Francisco Asorey, en Galicia

Poderase ver en ‘Galicia, un relato no mundo’, a primeira gran exposición internacional do Xacobeo 21 que se inaugurará no Gaiás o 14 de novembro

É unha das pezas máis destacadas do escultor cambadés, que xerou controversia no seu tempo por rachar os códigos estéticos vixentes da representación feminina

Comisariada por Manuel Gago, a mostra reunirá máis 300 pezas de gran valor simbólico para a cultura e a identidade galega, moitas das cales están custodiadas en prestixiosas institucións de todo o mundo e viaxarán por vez primeira a Galicia

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2019.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, vén de pechar un acordo coa Casa de Galicia en Montevideo para exhibir a Santa, escultura en madeira policromada de Francisco Asorey. Trátase dunha das pezas máis destacadas do traballo do escultor cambadés, e tamén dunha das obras de arte galegas máis significativas e controvertidas do século pasado, polo potente e provocador simbolismo co que representou a muller galega, rachando cos códigos estéticos vixentes naquel tempo.

Considerada polo propio escultor como a obra da que estaba máis satisfeito, esta peza levaba fóra de Galicia desde 1951, cando foi enviada ao Uruguai. Volverá pois por vez primeira a España en case setenta anos para ser exhibida na mostra Galicia, un relato no mundo, a primeira das grandes exposicións internacionais do Goberno galego con motivo do Xacobeo 2021, que se inaugurará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura o vindeiro 14 de novembro.

Controversia arredor desta obra mestra

A Santa de Asorey representa unha labrega galega cun corpo espido marcado polo duro traballo –nunha representación moi afastada da figura feminina idealizada que predominaba na arte de principios do século XX– portando ademais un xugo de vacas, o que potencia a mensaxe de traballo e sometemento.

Foi presentada en 1926 na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid, onde Asorey levaría a primeira medalla da exposición con outra obra, San Francisco. A Santa, pola súa banda, provocou gran sorpresa e un amplo debate na prensa, dando lugar a discusións –que mesmo chegaron ás portadas de xornais como o ABC¬– arredor da representación do corpo da muller e tamén ao fío da lectura política da obra, que se asociou aos esforzos da muller labrega galega, pero que tamén se entendeu como un símbolo da situación da Galicia da época.

A obra sería cualificada na prensa da época como “dun realismo cru, brutal”; “dunha orixinalidade, atrevemento e beleza que só un artista de excepcionais facultades pode concibir e executar”, ou “a obra máis orixinal, máis dotada de virtualidade estética e de resistente valía que hai na Exposición Nacional”. No outro extremo, o mesmo Valle Inclán, nunha entrevista na Revista de Arte Gallego en 1930, descualificaría a obra tachándoa de “grotesca”. Anos despois, nunha entrevista á prensa en 1956, Francisco Asorey consideraría esta escultura como a obra da que se atopaba “máis satisfeito”.

A Santa foi adquirida pola Casa de Galicia de Montevideo (Uruguai) e partiu de Vigo para América en 1951. “Trátase dunha testemuña imprescindible do valioso e amplo patrimonio cultural galego do século XX preservado nos centros e sociedades galegas de América, e unha mostra do interese da diáspora pola cultura de Galicia”, explica o xornalista e divulgador Manuel Gago Mariño, comisario de Galicia, un relato no mundo, que conta tamén coa historiadora Pilar Cagiao Vila como asesora especial para a Emigración.

Testemuños da Galicia da emigración americana

Con motivo desta exposición, cruzarán tamén o Atlántico e poderanse ver por primeira vez en Galicia dúas pezas moi vencelladas ao nacemento das comunidades galegas en América, que serán fundamentais na conformación da identidade da Galicia contemporánea.

Por unha banda, formará parte da mostra a bandeira sinxela do Tercio de Galegos de Buenos Aires, de principios do século XIX. Esta peza está vinculada ao nacemento da unidade de infantería formada por seiscentos voluntarios galegos que se distinguiu na resistencia da cidade de Buenos Aires durante a invasión inglesa de 1807: o Tercio de Galegos formado e dirixido polo enxeñeiro de Campo Lameiro, Pedro Antonio Cerviño. A bandeira –que representa o escudo de Galicia bordado en fíos de ouro e prata por unha cara e da cidade de Buenos Aires pola outra– está vinculada directamente aos acontecementos que desencadearán posteriormente a formación da República Arxentina e supón unha das primeiras testemuñas materiais da unión dos galegos en América. Hoxe consérvase no Museo Marítimo Ingeniero Cerviño da Escola Nacional de Náutica Manuel Belgrano, en Buenos Aires.

Por outra banda, en Galicia, un relato no mundo exhibirase tamén a talla do Santiago Matamouros da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, da Habana. Esta pequena escultura policromada é unha figura simbólica da formación da primeira agrupación galega en Cuba e un exemplo da presenza do Apóstolo Santiago como símbolo dos galegos en América desde a época colonial. A entidade foi constituída en 1871 como unha sociedade asistencial –destinada a socorrer aos emigrantes galegos na súa vida e a súa morte– e antecedeu no tempo á creación do Centro Galego de La Habana. A sociedade existe aínda hoxe, prestando para a exposición esta imaxe relixiosa do seu Santiago Matamouros, que presidiu a entidade e saía en procesión polas rúas da Habana todos os anos ata a revolución cubana de 1959.

A presenza de Galicia na América colonial

Entre as máis de 300 pezas exhibidas en Galicia, un relato no mundo destaca tamén unha obra de gran formato e moi pouco coñecida: o retrato ecuestre de Pedro Antonio Fernández de Castro, X Conde de Lemos, que foi vicerrei do Perú entre 1667 e 1672. O cadro vincúlase coa participación da alta aristocracia galega no goberno da América colonial e atópase actualmente no Museo de Arte Español Enrique Larreta (Buenos Aires).

Trátase dunha representación única dun aristócrata galego do século XVII, debida ao seu cargo como vicerrei. As pinturas ecuestres no Barroco estaban reservadas á monarquía ou a figuras de enorme poder político, como os validos. Estes cadros formaban parte do aparato da propaganda da monarquía hispánica nas colonias, e reproducían os modos, protocolos e formas de representación dos propios reis en Europa.

Outras pezas destacadas

Galicia, un relato no mundo reunirá na Cidade da Cultura numerosas obras senlleiras sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo. Algunhas destas obras serán prestadas por entidades da categoría do Trinity College de Dublín, a Biblioteca Apostólica Vaticana ou a Cambridge University-Parker Library, entre outras 80 institucións culturais e coleccións privadas, tanto de Europa e América como por suposto do resto de España e de Galicia.

Así, nesta mostra impulsada pola Xunta poderán verse por vez primeira en Galicia pezas como o Libro das Invasións, –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán–, o Mapa de Sawley –considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, no que se representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa–, o Codex Aretinus de Arezzo –que contén o Itinerario de Exeria, o libro de viaxes desta aristócrata galaicorromana que foi a primeira escritora coñecida da Península Ibérica–, o Cancioneiro da Vaticana ou dous Liber Sancti Iacobi –procedentes da Biblioteca Vaticana e da Universidade de Salamanca–.

A exposición, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo e que se poderá visitar de balde no Museo Centro Gaiás ata o 12 de abril de 2020, conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega e da Secretaría Xeral da Emigración.

Comparte