Nova: O CGAC ofrece 'In Landscape Mode' de Christian Villamide, unha análise poliédrica das relacións entre o ser humano e a natureza

27/09/2019

O CGAC ofrece 'In Landscape Mode' de Christian Villamide, unha análise poliédrica das relacións entre o ser humano e a natureza

O Espazo de proxectos e outros lugares do centro acollen esta exposición temporal comisariada por Paula Cabaleiro e que consta de 13 pezas integradas en diferentes instalacións

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación desta mostra que cualificou como “unha chamada de atención” e “un convite á autocrítica” sobre os comportamentos e actitudes propios

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou esta mañá na presentación da mostra In Landscape Mode do destacado artista lucense, Christian Villamide. A nova proposta expositiva do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), comisariada por Paula Cabaleiro, suscita a reflexión sobre a construción da paisaxe e os seus efectos a través de trece pezas que configuran diferentes instalacións como son Mont Ventoux, Parterres, PERturbacións e Inhumación.

Esta exposición, tal e como precisou o director xeral de Políticas Culturais, “é un paso máis no equilibrio entre a forma e o fondo na traxectoria plástica de Christian Villamide” á hora de dar resposta ás dúas grandes inquietudes presentes ao longo da traxectoria do lucense: o individuo e as súas problemáticas e a paisaxe e as súas alteracións. “Trátase ‒explicou o director‒ dunha chamada de atención sobre o necesario espertar da conciencia ecolóxica perante a situación do medio ambiente natural e o ambiente construído” e tamén “dun convite á autocrítica” respecto das nosas actitudes e accións propias perante a natureza.

As persoas e o territorio: desapego e violencia

In Landscape Mode reflexiona acerca da distancia que as persoas adoitamos tomar fronte ao territorio que habitamos. O artista fálanos da paisaxe actual desde a escultura e a instalación, visibilizando escenarios ou non-lugares que chegamos a ocultar como sociedade, e convídanos a reflexionar sobre unha paisaxe en tensión, ao ilustrar o desapego e a violencia ao que se ve sometida esta pola acción humana. Finalmente, Villamide ironiza sobre as tendencias artificiais de encontro coa natureza na procura, en moitas ocasións, da mellor instantánea. O que agocha o gozo da vivencia mesma.

Cunha linguaxe plástica e visual multidisciplinar, o artista evoca e provoca, nunha perfecta simbiose entre ética e estética, nesa acción de contemplar, tan propia do Romanticismo, na procura do sublime, pero desde un punto de vista analítico e partindo desas derivas case situacionistas, nas que camiñar, como práctica estética, xa constitúe unha forma de construír paisaxe.

A mostra abrirá hoxe, as 20,00 horas, e poderá visitarse até o 12 de xaneiro, en horario de 11,00 a 20,00 horas. Previamente, ás 19,00 horas terá lugar un encontro co artista no que participará a comisaria da mostra, Paula Cabaleiro e a continuación ofrecerase unha performance, Tal vez... en verde, completada por Chistian Villamide e o músico Abraham Cupeiro.

Un referente da arte galega actual

Christian Villamide nace en Lugo en 1966 e comeza a formarse na Escola de Artes Plásticas da súa cidade en 1985, aínda que a meirande parte da súa formación é declaradamente autodidacta. Entre as mostras individuais máis recentes de Villamide destacan A paisaxe contra a parede (Museo Provincial de Lugo, 2016), Topografías (Galería Luisa Pita, Santiago de Compostela, 2018), Hortus conclusus (Centro Cultural Marcos Valcárcel, Ourense, 2018) e PERturbacións (CAB, Burgos, 2019).

A súa obra foi presentada en diversas de mostras colectivas, bienais e feiras. Entre outras, a feira Art Madrid (2018), a II Bienal de Canarias, Arte Paisaje y Arquitectura (2009) ou a exposición Foron novísimos (Ferrol, 2003). Recibiu, así mesmo, varios premios e bolsas de creación e participou en diversos programas de residencia artística en diferentes lugares de España. As pezas e creacións de Villamide están presentes en multitude de coleccións de entidades públicas e privadas.

Comparte