Nova: A Xunta propón incorporar a Bienal Pintor Laxeiro á programación do Xacobeo 21

31/07/2019

A Xunta propón incorporar a Bienal Pintor Laxeiro á programación do Xacobeo 21

O conselleiro de Cultura e Turismo subliña o papel referencial deste evento, "un dos máis consolidados” da creación artística galega, na clausura da XIV edición da mostra, que este ano rendeu homenaxe a Manuel Moldes

  • Román Rodríguez clausura Lalín Román Rodríguez clausura Lalín

Lalín (Pontevedra), 31 de xullo de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, apelou ao traballo de todas as institucións para incorporar a Bienal Pintor Laxeiro á programación do próximo Xacobeo 21 durante o acto de clausura da XIV edición desta mostra, celebrado no Museo municipal Ramón María Aller de Lalín.

O responsable de Cultura e Turismo destacou o papel “referencial” do evento, que este ano homenaxeou ao artista pontevedrés Manuel Moldes, falecido en 2017. Neste sentido, subliñou que se trata dun certame cunha “fonda tradición” que durante os últimos anos serviu como escaparate para artistas consagrados, pero tamén para dar a coñecer a outros creadores emerxentes. “Non en van, Lalín sempre foi terra de creadores”, concretou.

Román Rodríguez fixo fincapé no papel da Bienal como un evento que permite “achegar a cultura de primeiro nivel” aos concellos. De feito, agradeceu ao Concello de Lalín e ao seu alcalde, José Crespo, presente o no acto, a creación desta iniciativa e o impulso recibido. Nesta liña, o conselleiro de Cultura e Turismo desexou que o certame continúe “nesta liña ascendente” coa ollada posta no Xacobeo 21. “O próximo Ano Santo debe ser unha oportunidade para posicionar e proxectar a Bienal como un evento central”, puntualizou.

En paralelo, o responsable de Cultura e Turismo aproveitou para agradecer o traballo dos máis de 20 artistas participantes e do comisario da mostra, Álvaro Negro, por formar parte desta edición en homenaxe a Manuel Moldes, artista pontevedrés fortemente vencellado á capital do Deza. Así, lembrou que o propio Manuel Moldes participou en varias ocasións nesta Bienal e foi cartelista da Feira do Cocido.

Moldes, creador e mestre

Segundo Román Rodríguez, a exposición serviu para reflexar o “imprescindible” traballo de Moldes e o seu compromiso coa arte galega. Recordou, ademais, que o creador pontevedrés foi membro da Real Academia de Belas Artes, profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, integrante do colectivo renovador Atlántica e unha peza clave para comprender a arte feita en Galicia “como creador e como mestre de varias xeracións de galegos”.

O titular de Cultura e Turismo subliñou que este evento “foi quen de recoller a esencia da obra de Moldes e de espallar o seu legado, como tamén o fará a fundación na súa honra” que se constituirá nos próximos meses e que terá a súa sede na octava planta da sede da Xunta en Pontevedra.

Comparte